publicidade hoxe

O Concello de Mañón recibe a visita de Alfonso Rueda para comprobar as obras do Fondo de Compensación Ambiental

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMañón
A-
A+
Rueda na vista ao Concello de Mañón

Rueda na vista ao Concello de Mañón

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou o Concello de Mañón para coñecer de primeira man algúns dos investimentos que se están a realizar con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental. Na visita estivo acompañado da delegada territorial da Coruña, Belén do Campo.

O Concello de Mañón recibiu nos últimos catro anos un total de medio millón de euros procedentes do Fondo de Compensación Ambiental, para levar a cabo actuacións que teñen beneficiado directamente aos seus veciños e ao medio ambiente.

O Fondo supón un importante apoio ás arcas dos concellos galegos que, grazas á implantación do canon eólico, puideron beneficiarse por primeira vez das explotacións eólicas que teñen no seu territorio. É salientable a repercusión que ten sobre todo nos pequenos concellos, como é o caso de Mañón, onde se concentran maior número de aeroxeneradores

Precisamente, desde 2010, grazas aos investimentos do FCA, este concello puido mellorar a eficiencia enerxética da súa piscina municipal mediante a instalación de paneis solares, adquiriu un vehículo para labores ambientais e acometeu melloras na rede de abastecemento de auga. Así mesmo rehabilitouse o antigo centro escolar para poñer en marcha o centro de interpretación medioambiental do río Sor.

O Fondo de Compensación Ambiental foi creado pola Lei 8/2009, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crea o canon eólico. Con cargo a este, fináncianse actuacións orientadas á conservación da biodiversidade, ao impulso da eficiencia e o uso sustentable das enerxías renovables e a outras actuacións do medio e do ámbito rural.

5 de novembro de 2013 | 18:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.