publicidade hoxe

O ciclo “Monumenta” leva a Cenlle o concerto da Rondalla Alfaia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioCenlle
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria organiza este sábado 16 de novembro un concerto da Rondalla Alfaia na Igrexa de San Miguel de Osmo, en Cenlle (Ourense), dentro do ciclo ‘Monumenta: difusión do patrimonio restaurado’. Cultura e Educación investiu máis de 20.000 euros na restauración das pinturas murais da Igrexa de San Miguel de Osmo, e a través da iniciativa ‘Monumenta’ trata de mostrar aos veciños de Cenlle o resultado desta actuación nun ben patrimonial tan relevante.

A xornada comezará ás 16,30 horas cun obradoiro para familias sobre restauración de pinturas e haberá un faladoiro cos veciños e veciñas cos que se recollerán, en conversa informal, as lembranzas vinculadas ao lugar. Desta forma, tratarase de recuperar a memoria e facilitar que os máis novos a coñezan.

A continuación, ás 17,30 horas comezará o concerto da Rondalla Alfaia de Cenlle. O repertorio que interpretará a formación será moi variado, onde interpretarán melodías populares, clásicos intemporais da música e cancións de tuna, mostrando que o grupo non é unha rondalla ao uso, senón unha formación de carácter ecléctico.

A Asociación Cultural Alfaia naceu no ano 2002 froito das inquietudes musicais dun grupo de afeccionados á música. Na actualidade o grupo está formado por doce membros (tres bandurras, catro laúdes e cinco guitarras) dirixidos por Francisco Villalonga Baños, un profesional da música con máis de corenta anos de experiencia na ensinanza dos instrumentos de pulso e púa.

Achegar o patrimonio histórico á cidadanía

Para afondar na difusión e posta en valor do patrimonio recuperado, o ciclo ‘Monumenta’ que organiza a Consellería, propón un programa de dinamización artística en espazos de interese patrimonial coa participación da cidadanía, para descubrir e promover colectivamente os monumentos nos que se levará a cabo a iniciativa. Concertos, obradoiros, visitas guiadas e faladoiros conforman a programación deste ciclo, que lles permitirán aos participantes apreciar o laborioso traballo de recuperación e de conservación levado a cabo nos bens patrimoniais nos que se celebra o ciclo e coñecer o valor dos monumentos nos que tamén están previstas actuacións de restauración.

Deste xeito, na provincia de Ourense, a Consellería de Cultura e Educación, a través do ciclo ‘Monumenta’, organizará diferentes actividades e concertos o 24 de novembro na Igrexa de San Clodio, en Leiro; o 7 de decembro na Igrexa da Santa Cruz de Terroso, en Vilardevós; e o 8 de decembro na Igrexa de San Pedro de Moreiras, en Toén.

14 de novembro de 2013 | 11:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.