publicidade hoxe

Na xornada de portas abertas da residencia de Monterroso, Besteiro e Gato recibirán aos veciños

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoMonterroso
A-
A+

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado polo Alcalde Monterroso, Antonio Gato Soengas, recibirán ós veciños desta localidade que durante todo o día poderán coñecer de primeira man as instalacións do centro residencial do municipio, que contou coa colaboración do organismo provincial, fundamental para que os maiores deste municipio poidan contar finalmente con estas dotacións, logo das reiteradas negativas da Xunta a apoiar esta infraestrutura.

Gómez Besteiro insistiu en que “a Deputación está a facer un importante esforzo económico para dotar de servizos de calidade a todos os veciños da provincia, xa que o Goberno de Núñez Feijóo non considera prioritaria a atención ós maiores lucenses”. O Presidente da Deputación destacou que “investir en servizos sociais básicos e de calidade é investir en benestar, en emprego e na loita contra o despoboamento”.

Na actualidade, o Centro Residencial está listo para abrir as súas portas, só pendente da licenza de inicio de actividade que outorga a Xunta. Neste senso, o Alcalde vén denunciando os numerosos impedimentos e trabas postas pola Xunta de Galicia a este proxecto e organiza esta xornada co obxectivo de que os veciños coñezan a calidade das instalacións.

Emprego contra o despoboamento

Nesta liña, Gómez Besteiro, subliñou que a Deputación seguirá adiante coa rede pública de residencias e centros de día para a terceira idade “malia a incomprensible falta de apoio da Xunta”, lembrando que a posta en marcha desta rede contribuirá ó desenvolvemento da provincia, xa que suporá a creación de 400 novos postos de traballo en Lugo.

Tal e como lembrou o Presidente da Deputación de Lugo o pasado día 8, durante o anuncio no Parlamento dos orzamentos do organismo para o 2014, este proxecto, cunha dotación propia de 15 millóns de euros, continúa na actualidade coas obras das residencias da Fonsagrada, Castroverde, Trabada e Pedrafita e proximamente comezarán en Pol, Navia de Suarna e Ribas de Sil.

“A Deputación, en colaboración cos Concellos, nunca renunciará a este proxecto, porque os lucenses teñen dereito a unha cobertura de servizos sociais con independencia do seu lugar de residencia”, destacou.

Dotacións

As obras da residencia de Monterroso iniciáronse no 2010 cunha achega de 442.000 euros do Plan E. Para a súa posta en marcha foi decisivo o apoio da Deputación de Lugo, posto que achegou preto de 200.000 euros para rematar as instalacións e dotar ás mesmas do mobiliario imprescindible, logo das reiteradas negativas da Xunta a prestar a súa colaboración ó Concello, malia ter as competencias directas na materia.

Este centro residencial público, que xerará un mínimo de 10 novos postos de traballo, ofrecerá 24 prazas, compartindo servizos co centro de día situado nas inmediacións, que conta con 25 prazas. O edificio, de tres plantas, está dotado de servizos básicos de recepción, lavandería, enfermería, comedor e cociña na primeira; na segunda e terceira planta están situadas ás habitacións, que poden ser tanto individuais como dobres, con capacidade para 24 prazas. Estes servizos súmanse ós xa ofrecidos no 1º centro de día da Comarca, ou o servizo de comidas a domicilio do que se benefician na actualidade máis de 30 veciños do Concello.

12 de novembro de 2013 | 16:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.