publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Frades e Mesía beneficiaranse dunha achega de 70.000 euros do Fondo de compensación ambiental

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaFradesMesía
A-
A+

Os concellos de Frades e Mesía veñen de recibir unha achega de 70.000 euros a través do Fondo de compensación ambiental, que permite ás entidades locais beneficiarse do canon eólico. Ambos os municipios presentaran unha proposta conxunta para optar ás axudas a través da liña competitiva.

Con estes fondos, os concellos adquiriron dous tractores cortacéspede e dúas rozadoras e formalizaron a contratación do persoal necesario para a realización de traballos de recuperación e conservación medioambiental nos dous termos municipais, tales como a mellora de paseos, áreas recreativas e rutas de sendeirismo e limpeza de espazos forestais. Así o comprobou esta mañá a delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, nunha visita a Frades, onde explicou que o importe da subvención acada o 70% do orzamento total do proxecto.

Acompañada polos rexedores dos dous municipios, Roberto Rey e Mariano Iglesias, recordou que o fondo de compensación ambiental reflicte un triplo compromiso da Xunta de Galicia, pois “resulta unha clara mostra da implicación do Goberno galego cos concellos e co medio ambiente, pero tamén da aposta polo reequilibrio territorial”. “A distribución do canon eólico, en definitiva, beneficia sobre todo a municipios pequenos e do interior e suponlles, ano tras ano, unha importante fonte de ingresos nestes momentos de dificultades económicas”, apuntou.

Ademais, da liña competitiva, o Fondo de Compensación Ambiental conta cunha liña non competitiva que establece un reparto das achegas entre aqueles concellos que teñen o seu territorio dentro dunha poligonal de delimitación dun parque eólico ou están afectados pola correspondente instalación de conexións ou vías de evacuación. Neste caso, os proxectos presentados desde os municipios serán financiados na súa totalidade. Na provincia da Coruña, o importe que recibirán os concellos a través desta liña supera os 2,8 millóns de euros.
Estas axudas concedidas polo Goberno autonómico están destinadas a financiar iniciativas orientadas á conservación da biodiversidade, ao impulso da eficiencia, ao uso sostible das enerxías renovables e á restauración e reposición do medio ambiente e reequilibrio territorial. Precisamente, a máxima representante do Executivo galego na provincia destacou que o ano pasado a Xunta autorizou aos concellos beneficiarios para que puidesen dispoñer do fondo para facer fronte ao gasto corrente, algo que afecta moito aos municipios. Ademais, como novidade para este exercicio, o Fondo de Compensación Ambiental poderá tamén empregarse en gastos de contratación ou mantemento de persoal.

14 de novembro de 2013 | 17:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.