publicidade hoxe

Cores Tourís comproba as obras de ampliación da canle do río Cañón para evitar enchentes en Meis

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMeisPontevedra
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, comprobou esta mañá os puntos onde se van poñer en marcha, de xeito inminente, obras de ampliación e limpeza da canle do río Cañón para evitar enchentes na parroquia de San Lourenzo de Meis.

Na visita estivo acompañado polo alcalde da localidade, José Luis Pérez, así como polo xefe territorial de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, José Luis Díez.

Tal e como explicou Cores Tourís, o río Cañón, afluente do Umia, conta con varios pasos baixo camiños municipais nesta parroquia que se viron afectados polas obras do nó de Curro así como da execución do parque empresarial de Barro-Meis. “A solución aportada polos técnicos”, engadiu o delegado territorial, “pasa por proceder á substitución dos condutos existentes por outros máis amplos que admitan os caudais que xorden tralas fortes choivas, evitando desbordamentos”. A maiores, tamén se levará a cabo a limpeza do río para a retirada de lodo e pedras procedentes das obras de ambas infraestruturas.

O delegado territorial recordou que os responsables da Xefatura Territorial de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas xa visitaron esta zona en varias ocasións para ir atallando os problemas que ían xurdindo a raíz da execución do nó de Curro.

“O alcalde pediunos, fai xa varias meses, que solucionásemos estes inconvenientes que estaban a xerarse no río Cañón, polo que comezamos a tramitación dos permisos ante Augas de Galicia que fai unhas semanas solicitou unha ampliación de información que demorou a posta en marcha dos traballos”, explicou Cores Tourís, quen matizou que xa se conta cos permisos definitivos polo que as obras poderán comezar nas próximas semanas.

“Trátase dun exemplo de colaboración entre administracións, tanto da autonómica como da local e incluso da Deputación de Pontevedra, xa que traballarán nestas obras persoal contratado no concello grazas á institución provincial”, matizou o delegado territorial.

Pola súa banda, o alcalde da localidade agradeceu ao delegado territorial a súa visita a esta parroquia para comprobar a resolución “destes pequenos problemas que demandaban una resposta úrxente. Cremos que con estas obras os veciños poderán comprobar que os problemas quedan definitivamente resoltos”.

O orzamento dos traballos de substitución dos condutos e reposición de servizos roldarán os 60.000 euros.

13 de novembro de 2013 | 19:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.