publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Chantada será o escenario da reunión do grupo de traballo dos alcaldes e concelleiros lugueses

O grupo de traballo dos concellos lugueses reunirase na casa do concello de Chantada este xoves, día 7 de novembro, ás 18:00 h.

O obxectivo da reunión de Chantada será preparar un novo encontro de alcaldes e concelleiros para falar da situación que atravesan os pequenos concellos e para procurar medidas que solucionen a súa problemática. Serán tres os asuntos que se aborden nese futuro encontro: incremento do canon de Sogama, copago hospitalario e seguimento do proxecto de lei de reforma local.

O grupo de traballo tamén se dirixirá a tódalas forzas políticas con representación nos concellos galegos co obxecto de trasladarlle unha invitación para que algún alcalde ou concelleiro das provincias da Coruña, Ourense e Pontevedra, asista ó próximo encontro.

Este grupo, no que participan cinco persoas de diferente sensibilidade política e integrantes de corporacións municipais, confórmano os alcaldes de Ribadeo, Pedrafita, A Pastoriza e Monforte e o voceiro de Anova en Chantada.

O grupo creouse a raíz da primeira reunión de alcaldes e concelleiros da provincia de Lugo celebrada en Monforte o día 15 de xuño e entre os seus cometidos está o de organizar os encontros de alcaldes e concelleiros

4 de novembro de 2013 | 12:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.