publicidade hoxe

As obras de Nogueira de Ramuín con cargo ao Fondo de compensación ambiental son recepcionadas por Rogelio Martínez

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNogueira de RamuínOurense
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, achegouse ata a localidade ourensá de Nogueira de Ramuín para recepcionar as distintas obras que este municipio executou ao abeiro da orde do 4 de maio de 2012 pola que se regula a convocatoria de subvencións e os criterios de repartición do Fondo de Compensación Ambiental, dentro da liña de natureza non competitiva. As actuacións levadas a cabo neste concello executáronse co obxectivo de protexer o ambiente e o espazo natural, ademais de mellorar as captacións que proporcionan a auga potable aos distintos núcleos, de forma que a auga procedente do bombeo só se utilice cando a subministración dos mananciais sexa insuficiente.

Os máis de 87.600 euros recibidos polo concello de Nogueira de Ramuín investíronse en tres actuacións que benefician aos núcleos de San Miguel, Loureiro e Nigueiroá.

Canto a obra realizada en San Miguel consistiu na mellora de dúas captacións e a construción dun depósito regulador para poder subministrar auga de gran calidade aos veciños deste lugar sen custo enerxético a maior parte do ano. Polo que atinxe a Loureiro, ata agora dispuña dunha presión de servizo moi baixa polo que mellorouse a rede de distribución. Finalmente, a actuación executada en Nigueiroá consistiu na renovación do equipo de depuración de augas residuais.

Unha vez realizada satisfactoriamente a comprobación material do investimento procedeuse ao acto administrativo de recepción da obra, no que Rogelio Martínez e José César Parente, alcalde desta localidade ourensá, asinaron a acta de conformidade.

Fondo Compensación Ambiental

Os Fondos de Compensación Ambiental teñen dúas liñas: a non competitiva, á que pertence as obras de Nogueira de Ramuín, que atinxe aos concellos que soportan instalacións eólicas ou liñas de evacuación; e a liña competitiva. Este ano, na provincia ourensá foron un total de 40 entidades locais beneficiadas que recibiron 1.135.000 euros a cargo destas subvencións.

O Fondo de Compensación Ambiental foi posto en marcha hai catro anos polo Goberno galego e ten permitido que os concellos se beneficien por primeira vez das explotacións eólicas que hai en Galicia. Cada ano, este fondo reparte un importante montante que axuda ás arcas municipais, favorece a conservación do medio ambiente e aposta polo reequilibrio territorial, ao estar destinado especialmente aos concellos máis pequenos e do interior de Galicia.

26 de novembro de 2013 | 13:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.