publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Alcaldes e concelleiros galegos reuniranse en Compostela o 18 de novembro para tratrar a suba do canon de Sogama

A suba do canon de Sogama foi o tema central da reunión que o grupo de traballo dos concellos celebrou onte xoves, día 7 de novembro, na casa do concello de Chantada. Os integrantes do grupo acordaron convocar, para as 12:00 horas do día 18 de novembro en Compostela, un encontro de alcaldes e concelleiros de toda Galicia.

A proposta que o grupo de traballo someterá á aprobación dos cargos electos que asistan á reunión do día 18 de novembro será a de solicitar dúas entrevistas urxentes para abordar o incremento do canon de Sogama: unha co presidente e os voceiros da FEGAMP, e outra co presidente da Xunta de Galicia.

O grupo de traballo dos alcaldes e concelleiros considera que a decisión de Sogama afecta gravemente á cidadanía e ós concellos, mostrándose dispostos a procurar unha solución que minimice as consecuencias que o incremento do canon vai ter sobre as entidades locais e os seus administrados.

Para os alcaldes e concelleiros, incrementar o prezo do canon nun 33,5 % e facelo de maneira unilateral e non negociada, implica un cambio no contrato entre os concellos e Sogama, cambio que non parece correcto.

A segunda proposta xurdida da reunión de Chantada está vinculada ó cumprimento da primeira. O grupo de traballo proporá que, se as reunións cos máximos responsables da Xunta e da FEGAMP non se celebran coa urxencia solicitada ou nas mesmas non se logra un acordo razoable e satisfactorio, os concellos deixen de pagar a Sogama dende o primeiro de xaneiro do ano 2014.

Diante desta medida de forza e referíndose á modificación do contrato cos concellos por parte de Sogama, os responsables locais comentan que “se a Xunta cambia as regras de xogo, nos tamén estamos lexitimados para facelo”.

Na reunión de onte participaron os alcaldes lucenses de Chantada, Pedrafita do Cebreiro, A Pastoriza, Ribadeo e Monforte, xunto cos de Oroso (A Coruña), Ribadavia e Castrelo de Miño (Ourense), e os voceiros de Anova en Chantada e de Compromiso por Galicia en Alfoz.

8 de novembro de 2013 | 12:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.