publicidade hoxe

Adxudícase a Narom as obras de saneamento nos núcleos de Barreiro, Freixeiro e Viliquín, en Meaño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMeañoPontevedra
A-
A+

A empresa Narom será a responsable da execución dos traballos de saneamento dos núcleos rurais de Barreiro, Freixeiro e Viliquín, no concello de Meaño. Así o acordou a Xunta de Goberno da Deputación, que aprobou esta adxudicación por un importe de 68.779,47 euros.

Os tres núcleos contan na actualidade con fosas sépticas para dar solución ó problema do saneamento, polo que se proxecta a construción de redes de sumidoiros, cos correspondentes bombeos e pozos de rexistro para que tanto as vivendas existentes actualmente nestes lugares como as que se constrúan nun futuro se poidan conectar á rede xeral.

No caso de Barreiro, situado na parroquia de Xil, construirase un colector de 178 metros con 5 pozos intermedios e evacuación a un pozo de bombeo.

Pola súa banda, o saneamento de Freixeiro, na parroquia de Lores, proxéctase en dous tramos. O primeiro deles contará cun colector de 57 metros de longo, con tres pozos intermedios e a conexión a un pozo de bombeo que se construirá nas inmediacións da estrada PO-9205. O segundo tramo vai desde este pozo de bombeo e terá unha lonxitude de 32 metros, conectando a rede co pozo da rede xeral xa existente.

Finalmente, en Viliquín (Dena), tamén se establecen dous tramos, un de 73 metros con 2 pozos intermedios e conexión a un pozo de bombeo e un segundo de 14 metros que unirá este pozo de bombeo coa rede xeral.

Con estas obras vaise completando o saneamento dos núcleos rurais de Meaño, eliminando pozos negros e fosas sépticas e, en consecuencia, posibles focos de contaminación ambiental.

15 de novembro de 2013 | 22:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.