publicidade hoxe

A mellora do sistema de depuración en Porto e Reme suprime dous puntos de contaminación da ría de Ribadeo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaRibadeo
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas eliminou dous puntos de contaminación directa á ría de Ribadeo a través da mellora e construción, respectivamente, de sistemas de depuración en Porto e Reme, no concello ribadense. A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, visitou hoxe a zona para inspeccionar as obras realizadas en ambos núcleos, que supuxeron un investimento conxunto de 79.369 euros.

Arias valorou o impacto ambiental desta actuación, xa que as augas residuais do núcleo de Porto vertían directamente na ría de Ribadeo e as de Reme facíano na desembocadura do río Grande, co que igualmente ían parar á ría.

“Esta intervención –afirmou a delegada- é importante dende o punto de vista da protección do ecosistema acuático e o mantemento da calidade ambiental nunha área sensible que, entre outros distintivos medioambientais, é zona de especial protección para as aves e Reserva da Biosfera”.

A delegada explicou que as obras enmárcanse no convenio entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Agricultura para a xestión e o desenvolvemento sostible da Reserva da Biosfera do Río Eo, Oscos e Terras de Burón.

As obras comezaron en agosto e tiveron un prazo de execución de dous meses. En Reme procedeuse á construción dun sistema de depuración mentres que en Porto reformouse case por completo a instalación, coa construción e acondicionamento dos colectores, instalación de condución eléctrica e das arquetas correspondentes e construción de dous pozos filtrantes.

A delegada estivo acompañada na visita polo alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia, así como por técnicos da Consellería de Medio Ambiente, que explicaron os detalles da actuación. A Xunta entregará as depuradoras ao concello de Ribadeo para a súa xestión dentro da rede municipal de saneamento.

Esta actuación ven a complementar outros importantes investimentos realizados no concello en materia de abastecemento e saneamento, como a posta en marcha da nova Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR), que supón un investimento de 19,4 millóns de euros entre obra e explotación.

De feito, os orzamentos da Consellería de Medio Ambiente para o próximo ano contemplan unha partida de 820.000 euros para a explotación destas instalacións.

Igualmente, nos investimentos territorializados da Xunta consígnanse 400.000 euros para próximas actuacións no abastecemento do concello.

Outros proxectos para o 2014

En xeral, os orzamentos da Xunta para o vindeiro ano prevén un investimento de máis de 1,7 millóns de euros en proxectos concretos para o concello de Ribadeo, que haberá que sumar aos investimentos que se realicen dende partidas xerais.

Ademais das iniciativas citadas en materia de augas, a Xunta asigna 200.000 euros para o proxecto de construción dunha residencia ou 73.000 euros para accións de desenvolvemento sostible da costa, entre outros proxectos.

A delegada territorial afirmou que os orzamentos “reflicten o esforzo inversor da Xunta neste concello, financiando proxectos de mellora de infraestruturas ou de dinamización económica”. Ao respecto, lembrou que nos últimos anos rematáronse grandes proxectos, como a entrega de 30 vivendas sociais, nas que se investiu 2,7 millóns de euros.

15 de novembro de 2013 | 19:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.