publicidade hoxe

2.000 deportistas participarán nas fases provinciais da Copa Deputación da Coruña de Taekwondo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAs PontesDeportesDeportes PortadaPontevedra
A-
A+

O sábado 30 de novembro celebraranse as catro fases provinciais de técnica da Copa Deputación na que participarán máis de 2.000 persoas (deportistas, técnicos e árbitros), unha cifra histórica neste torneo. Estas competicións son clasificatorias para a fase autonómica – Torneo Pescanova, que terá lugar o día 7 de decembro nas Pontes de García Rodríguez. Os tres primeiros clasificados de cada categoría logran unha praza para o dito torneo.

Na edición deste ano houbo un forte incremento con respecto ao 2012, no que se xuntaron 1.500 persoas en total. Ademais, hai que destacar o aumento espectacular de participantes na provincia de A Coruña, onde se pasou de 338 a case 600; ou en Pontevedra (de 702 a case 1.000).

A fase provincial de Pontevedra será a que congregue a maior número de deportistas (986), o cal complica e moito a organización no aspecto loxístico. A proba celebrarase no Pavillón Municipal de Marín e haberá que instalar un total de oito tapices para poder acoller a competición, nas categorías infantil e adultos, e comezar media hora antes (9.30).

Na proba da Coruña, que se celebrará en Teo, participarán un total de 597 taekwondistas e para a celebración da mesma se instalarán 8 tapices no pavillón municipal. A fase provincial de Lugo terá lugar no pavillón da Pinguela (Monforte de Lemos), onde se instalarán tres tapices, con 227 participantes. E a última das probas terá lugar en Ourense (Pavillón Municipal dos Remedios) con 101 taekwondistas.

A Federación Galega de Taekwondo repartirá un agasallo entre todas e todos os participantes, xa que o obxectivo prioritario desta competición é a participación e a promoción deste deporte. Estas probas son patrocinadas polas deputacións provinciais e organizadas pola Federación Galega de Taekwondo en colaboración cos clubs Ximnasio Wellness Sport (A Coruña), Neka (Lugo), Couto (Ourense) e Mat´s (Pontevedra).

28 de novembro de 2013 | 18:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.