publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Un encontro sobre o potencial turístico da auga en Viana do Bolo avanza a iniciativa do club do produto turístico da auga de Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaOurenseViana do Bolo
A-
A+

O Centro de Remo de Viana do Castelo acolleu durante toda a xornada un encontro dedicado ao estudo do potencial turístico da auga. A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez foi a encargada de clausurar a conferencia, na que interviñeron, entre outros relatores, o coordinador da Unidade para a Cooperación Estratéxica da CCDR-N, Nuno Almeida; o ministro rexional do Orzamento e Autoridade Local da Rexión do Veneto e representante da AECT Euregio Senza Confini, Roberto Ciambetti; o director da AECT Galicia-Norte de Portugal, Juan Lirón; ou o vicepresidente da Cámara Municipal de Viana do Castelo, Vítor Lemos.

O Consorcio Minho IN está liderado pola Comunidade Intermunicipal do Minho-Lima conxuntamente coas Comunidades Intermunicipais do Ave e do Cávado, agrupando á Entidade Regional de Turismo Porto e Norte de Portugal, a Comissão de Viticultura da Região dos Vinhos Verdes, ao Instituto de Conservação da Natureza e Biodiversidade, ás Associações de Desenvolvimento Local, así como promotores privados.

Na súa intervención, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, explicou que as Nacións Unidas proclamaron este ano 2013 como o Ano Internacional da Cooperación na Esfera da Auga e indicou que a importancia da cooperación nesta materia baséase no feito de que o uso da auga “é unha cuestión transversal que require a cooperación de todos os axentes e sectores”. Ao tempo, a Organización Mundial do Turismo tamén conmemorou o Día Mundial do Turismo baixo o lema ‘Turismo e Auga: protexer o noso futuro común”.

Club de Produto Turístico da Auga de Galicia
Nava Castro explicou que, de igual xeito que noutros sectores, a auga é un elemento imprescindible para o desenvolvemento de calquera actividade turística e por isto se deben tomar todas as medidas necesarias para facer “un uso eficiente del”. A directora de Turismo explicou as potencialidades turísticas do destino Galicia en relación coa auga –resaltando as potencialidades de Galicia como destino termal e como destino de turismo activo en contacto coa natureza- e indicou que Turismo de Galicia traballa na creación do Club de Produto Turístico da Auga de Galicia.

“O obxecto do Club é promover o desenvolvemento de experiencias turísticas e produtos coa auga como eixo vertebrador”, explicou Nava Castro. A finalidade deste ente será artellar unha oferta atractiva de experiencias turísticas relacionadas coa auga, así como impulsar ao sector para mellorar o uso, o consumo e o aproveitamento do recurso para garantir a súa sustentabilidade. O Club permitirá a coordinación dos axentes, a participación activa e conxunta, a mellora da calidade, a aposta pola sustentabilidade, a innovación e a especialización. “Con isto, crearase marca e ofreceranse produtos adaptados ás novas demandas e segmentos de demanda”, explicou a directora de Turismo.

Ao tempo, a directora destacou que a auga é un dos eixos vertebradores da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. O potencial turístico da auga constitúe a base na estrutura de produtos turísticos mixtos. Nava Castro destacou que se está a traballar na potenciación destes recursos para convertelos en produtos turísticos comúns dos galegos e os portugueses. “A Ruta Termal e da Auga polo río Támega, dende Verín a Vidago e viceversa será unha realidade”, explicou. Ademais engadiu que se traballa na elaboración dunha guía que identifique os recursos turísticos e na creación de produtos turísticos sobre os recursos hídricos.

30 de outubro de 2013 | 18:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.