publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

‘Rosalía Pequeniña’ e ‘Acuario’ chegan a Baiona, Campo Lameiro, A Pobra do Brollón, Laxe, A Coruña, Celanova, Castrelo de Miño, Ourense e Ponteceso

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, leva as actividades do programa ‘FalaRedes 2013’ a nove localidades da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia durante estes días. En concreto, o concerto familiar “Rosalía Pequeniña” e espectáculo teatral “Acuario” promoverán o uso do galego en Baiona, Campo Lameiro, A Pobra do Brollón, Laxe, A Coruña, Celanova, Castrelo de Miño, Ourense e Ponteceso.

O obxectivo primordial destas propostas dinamizadoras, ao igual que todas as comprendidas en “FalaRedes 2013”, é trasladar a promoción do idioma ao tempo de lecer asociando a imaxe da lingua galega cos valores positivos da sociedade moderna, así como reforzar o uso do galego entre galegofalantes e proporcionarlles modelos lingüísticos de referencia aos castelanfalantes. Ata final de ano, as cinco iniciativas do programa despregarán polos concellos da RDL máis dun cento de actividades gratuítas.

Celebrar os 150 anos de ‘Cantares gallegos’ desde a RDL

En “Rosalía Pequeniña”, a cantante Uxía e os músicos Santi Cribeiro e Sérgio Tannus actualizan a figura e a obra da poetisa do Rexurdimento adaptando os seus versos máis coñecidos a ritmo de rock, muiñeira ou blues, no ano en que se conmemora o 150.º aniversario da publicación de “Cantares gallegos”. O concerto familiar, no que os a xente miúda da casa conta cun papel destacado, comezou onte en Baiona os pases previstos para esta semana, que continuarán ata o domingo.

Esta mesma tarde chegará a Campo Lameiro, cun pase no Auditorio Sobrino Buhigas ás 18:00 horas. O sábado, a localidade anfitrioa será A Pobra do Brollón, que acollerá o concerto na Casa da Cultura Olga novo ás 16:30 horas. Xa o domingo, “Rosalía Pequeniña” despedirá a semana en Laxe, onde se poderá gozar no salón de actos da Casa do Concello ás 19:00 horas. Todas as actividades do programa “FalaRedes 2013” teñen entrada libre ata esgotar a capacidade das salas.

Coas catro funcións desta semana, “Rosalía Pequeniña” chega á recta final do seu itinerario por 40 concellos da RDL, que completará a vindeira semana en Carnota e Pontedeva.

Palabras desde o fondo mariño

O espectáculo teatral “Acuario” toma como punto de partida o libro homónimo de María Canosa para trasladar ao público ao fondo dun inmenso acuario cheo de palabras no que presnetado pola propia autora e polo elenco artístico do Teatro dos Ghazafellos. A música en directo e os monicreques achegaralles aos pequenos de 5 a 8 anos a riqueza lingüística, biolóxica e gastronómica do litoral galego.

“Acuario” levará poesía e teatro en galego a cinco concellos durante esta semana. A primeira das sesións poderase gozar mañá, venres, no Aquarium Finisterrae-Casa dos Peixes da Coruña, ás 20:00 horas. O sábado, o espectáculo chegará á provincia ourensá con pases en Celanova, Castrelo de Miño e Ourense. Na primeira das localidades, o poderase gozar no Auditorio Municipal Ilduara, ás 12:00 horas; en Castrelo de Miño, no Parque Náutico, ás 16:30 horas, e en Ourense cidade na Sala Azul do Auditorio, ás 19:00 horas. “Acuario” despedirase ata a vindeira semana cunha función este domingo en Ponteceso, na sede da Fundación Eduardo Pondal ás 12:45 horas.

Volve a ‘A nena e o grilo nun barquiño’!

O espectáculo de dinamización lingüística “A nena e o grilo nun barquiño”, que abriu no mes de abril a programación de “FalaRedes 2013” encetará en decembro a súa segunda andaina por concellos da RDL, de novo da man de “FalaRedes”. Na iniciativa, dirixida a nenos e nenas de entre 5 e 11 anos, a música do creador Magín Blanco acompaña as aventuras da nena e mais do grilo, a través dun mundo máxico e cheo de aventuras, no que se fomentan valores como a solidariedade, o respecto á natureza ou a propia identidade. A dramaturxia, a música e o colorido dos vestiarios e escenografía recrea unha aureola máxica na que os máis pequenos entrarán en contacto co galego, cargándoo de valores positivos.

“A nena e o grilo” chegou desde o inicio de “FalaRedes 2013” ata o mes de xuño, con grande éxito de acollida, ás localidades de Carral, Ponte Caldelas, Outeiro de Rei, Cee, Ribadumia, Outes, Rois, Zas, Oroso, O Barco de Valdeorras, Vilaboa, Bueu, A Porqueira, Santiago de Compostela, Vila de Cruces, Piñor, Abegondo e Avión, e poderase gozar en cinco novas localidades durante a primeira quincena de decembro.

Toda a información e o calendario completo de “FalaRedes 2013” está dispoñible en www.xunta.es/linguagalega/falaredes_2013 e nas redes sociais.

31 de outubro de 2013 | 17:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.