publicidade hoxe

Recupérase un espazo de recreo e actividade social no lugar de Perrelos en Sarreaus

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalSarreaus
A-
A+
Sinatura do convenio para levar a cabo o acondicionamento da praza pública de Perrelos

Sinatura do convenio para levar a cabo o acondicionamento da praza pública de Perrelos

O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, asinou un convenio co alcalde de Sarreaus, Gumersindo Lamas, para levar a cabo o acondicionamento da praza pública de Perrelos. Hernández explicou que “este acordo, incluído no Plan Hurbe, pretende articular un importante espazo social, ubicado nun cruce de camiños que rodea a capela do pobo”. “Coa recuperación deste lugar, –dixo- mellórase a zona de xogos dos nenos e o lugar de encontro, ademais do sitio no que se realizan as festas patronais e todas as celebracións públicas dos veciños”.

Esta actuación conta cun orzamento de máis de 75.500 euros, aportados na súa totalidade pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. Coas obras, acondicionarase unha praza, actualmente degradada polo emprego de materiais, como o formigón e o asfalto, que desvirtúan o seu valor arquitectónico. Por elo, para a súa recuperación procederase a demolición da soleira de formigón existente, co fin de manter a cota; colocarase unha nova pavimentación en lastro de granito e pedra morena; ademais de lousas de granito moreno, con cara superior labrada, entre outros materiais.

Así mesmo, instalaranse bancos de estrutura de tubo de aceiro e respaldo de taboíñas; e papeleiras de forma oval con cubeta basculante de ferro.

Condicións para as partes

O convenio ten vixencia ata o 31 de decembro de 2013 e cada unha das partes ten uns compromisos concretos. Así, a Consellería de Medio Ambiente aportará o 100% do financiamento das obras e deberá contratar, executar, dirixir, controlar e recibir as obras.

Pola súa banda, o Concello terá que poñer os terreos a disposición, libres de cargas e gravames; obter os permisos, licenzas e autorizacións necesarios; ademais de levar a cabo a reposición de servizos e servidumes; redactar o documento que defina as obras e asumir a explotación e conservación das obras.

15 de outubro de 2013 | 23:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.