publicidade hoxe

Preséntanse as obras de execución da segunda fase da rede de camiños secundarios da parcelaria de Troáns II

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCuntisPontevedra
A-
A+
Cores Tourís na presentación das obras

Cores Tourís na presentación das obras

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, presentou, xunto ao alcalde de Cuntis, Antonio Pena, as obras de execución da rede de camiños secundarios de Troáns II nas que a Consellería de Medio Rural e do Mar investirá 372.145 euros e que suporán a posta en marcha de 6,9 quilómetros de vías rurais.

Na visita ao concello de Cuntis, José Manuel Cores Tourís estivo acompañado polo xefe territorial da Consellería de Medio Rural e do Mar en Pontevedra, Miguel Dubois, e o xefe do Servizo de Infraestruturas Agrarias, Julián Alvira.

Nestes intres, na concentración parcelaria de Troáns II, tal e como destacou Cores Tourís, xa rematou a primeira fase da rede principal de camiños, que supuxo a creación de 3,6 quilómetros de camiños rurais, 2,8 en zahorra e 0,8 en terra, cun investimento de 172.624 euros. “Estes traballos quedaron rematados no pasado mes de setembro. Agora dará comezo a segunda fase que suporá a creación de 6,9 quilómetros máis de camiños secundarios, 6,3 deles en terra e o resto en asfaltados e zahorra”, explicou o delegado territorial.

José Manuel Cores Tourís tamén anunciou as obras de mellora de estradas rurais no resto do concello de Cuntis grazas o financiamento do Plan Marco que suporá un investimento de case 60.000 euros. “Dende 2009 investíronse neste concello máis de 2,5 millóns de euros en obras das redes de camiños de concentración parcelaria así como na mellora dos camiños rurais a través dos programas PEIM, o que permitiu mellorar infraestruturas viarias en Portela-Vea, en Xinzo, en Meira, A Bragaña, Fontecova, San Mamede, Meira de Arriga, Magán e Rogadio entre outros”, engadiu o delegado territorial.

Tanto Cores Tourís coma Antonio Pena destacaron a importancia económica que supón a concentración parcelaria. De feito, o delegado territorial insistiu en que “o obxectivo último do grande investimento que a Xunta de Galicia está a realizar nesta zona radica en sacar rendibilidade aos terreos a través de novas explotacións que eviten o abandono da terra e a racionalización da produción”.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra tamén quixo destacar a colaboración mostrada polo concello de Cuntis “para que hoxe podamos anunciar a posta en marcha da segunda fase destes traballos en Troáns II”, insistindo tamén no apoio que a Consellería de Medio Rural e do Mar está a mostrar a este municipio. “Para este departamento autonómico Cuntis é prioritaria e isto pode comprobarse a través destes traballos, así como da evolución doutras zonas de concentración parcelaria como é a de Troáns I”.

No concello de Cuntis rematáronse as concentracións parcelarias de Estacas, Cuntis II e Piñeiro-Estas-Cuntis 2º Sector. Os títulos das parcelas foron xa entregados, nos dous primeiros casos en 2011, e no último en 2012. En total, víronse beneficiados 1.403 propietarios e concentráronse 1.071 hectáreas. Na actualidade, tanto Troáns I como Troáns II atópase en fase de bases definitivas.

22 de outubro de 2013 | 19:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.