publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Os pensionistas retornados que cobraron prestacións doutros países constituirán unha Plataforma na comarca de Ordes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocalLocal PortadaOrdesOrosoPortada dereitaTrazo
A-
A+
Reunión dos pensionistas de Trazo

Reunión dos pensionistas de Trazo

Os pensionistas retornados que cobran prestacións doutros países na comarca de Ordes constituiranse como Plataforma de Afectados para defenderse conxuntamente diante das pretensións da Axencia Tributaria, que lles está requerindo que tributen por eses subsidios dende o ano 2008 e lles está a impoñer inxustas multas ao considerar que non cumpriron cos seus deberes fiscais. Así se acordou na noite de onte en Trazo durante un acto organizado polo grupo municipal socialista tracense e no que participaron máis de sesenta veciños e veciñas afectados.

A deputada autonómica Carmen Gallego explicoulles aos presentes o acordo unánime acadado polo Parlamento Galego e respondeu ás dúbidas plantexadas polos veciños, sobre todo relacionadas coas multas e os intereses esixidos por Facenda. E é que pensionistas que reciben uns 800 euros mensuais de pensión agora están sendo obrigados a pagar unhas cantidades de entre 3.000 e 4.500 euros. Unha situación inxusta, sobre todo porque se lles están a impoñer multas cando ningún deles fora informado sobre a necesidade de tributar por estas pensións. Unhas pensións polas que están exentos de tributación nos países onde traballaron.

Plataforma de Afectados na comarca de Ordes

Para defender os intereses destes pensionistas retornados, durante a reunión acordouse crear unha Plataforma de Afectados, que será constituída formalmente o próximo 21 de outubro nun acto que terá lugar no centro cultural de Sigüeiro (Oroso). “Individualmente non facemos nada, xuntos podemos facer máis forza”, explica Beatriz Domínguez, secretaria xeral dos socialistas de Trazo.

Na noite de onte xa se elixiron aos tres representantes de Trazo nesa plataforma, os tres pensionistas retornados e afectados por esta inxusta medida. Domínguez sinala que “sabemos que hai moita máis xente afectada en Trazo por esta situación, polo que os convidamos a participar nesta plataforma. Non se trata de cuestións políticas, senón de defender os seus dereitos”. Por iso, os socialistas de Trazo repartirán comunicados informativos nas diferentes parroquias do municipio e convidan aos veciños e veciñas que estean afectados a contactar cos membros da Plataforma ou a acudir a algún dos próximos encontros.

Uns encontros de participación libre que terán lugar o venres 18 de outubro en Ordes e o luns 21 de outubro en Oroso. O acto ordense terá lugar o 18 de outubro, ás 20:30 horas, no salón de plenos do Concello de Ordes e contará coa presenza da senadora Paula Fernández. No caso de Oroso, o acto terá lugar ás 20:00 horas no centro cultural Fernando Casas e Novoa de Sigüeiro. Un acto no que terá lugar a constitución formal da Plataforma de Afectados, que queda aberta á incorporación de veciños e veciñas de todos os municipios da comarca de Ordes.

10 de outubro de 2013 | 23:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.