publicidade hoxe

O Pereiro de Aguiar, Moaña e Redondela serán as novas paradas de “Os Axóuxeres”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMoañaO Pereiro de AguiarOurensePontevedraRedondela
A-
A+

Os “Encontros dos Axóuxeres”, impulsados pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, continúan co seu itinerario por 24 concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia, promovendo o uso e a transmisión interxeracional do galego co seu espectáculo para a xente miúda da casa. As tres localidades anfitrioas desta semana son O Pereiro de Aguiar, Moaña e Redondela, que acollerán nas súas instalacións municipais a actuación de teatro, de música e de monicreques para cativos de 0 a 6 anos.

Unha aldea convertida en cidade

A palabra e a música en directo son os ingredientes principais dun espectáculo especialmente creado para que os máis pequenos se abran ao coñecemento do mundo en galego dende unha experiencia lúdica e divertida. Nesta nova edición do programa, que xa é a sexta, os integrantes da compañía Caramuxo Teatro –pioneira en espectáculos para bebés en Galicia- contan a historia dunha pequena aldea que, debido á incorporación de novos veciños, acaba por converterse nunha cidade.

As casiñas da florista Hortensia, do equilibrista Telmo, do vello mariñeiro Antón ou de Marcelina e a súa gata Rita espertarán a curiosidade dos nenos por saber quen son os novos habitantes da aldea e, empregando o elemento sorpresa, irannos descubrindo os cambios que vivimos acotío na vida e no contorno.

Durante os 35 minutos de duración, os cativos e as súas familias poderán gozar dun espectáculo con historias diferentes e cancións que requirirán da súa participación. Ademais, e para que o lecer en galego continúe na casa, as cinco composicións musicais que compoñen o espectáculo xa están dispoñibles en formato descargable na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

O Pereiro de Aguiar, Moaña e Redondela esta fin de semana

Os “Encontros dos Axóuxeres” fan parada durante esta semana en tres localidades da RDL, para achegarlles o lecer en galego aos máis pequenos da casa e ás súas familias. O Pereiro de Aguiar será o primeiro dos concellos en acoller as sesións desta semana, cun pase o vindeiro venres no Salón de Plenos da Casa do Concello ás 12:30 horas.

O domingo, o espectáculo recalará en dúas localidades pontevedresas, Moaña e Redondela. No primeiro dos municipios está previsto un pase matinal no Centro Sociocultural Daniel Castelao ás 12:30 horas, mentres que a veciñanza redondelá poderá gozar da actividade ás 18:30 horas no Multiúsos da Xunqueira.

Reserva previa

A participación nos encontros de “Os Axóuxeres” é de balde, con reserva previa ata completar a capacidade do local onde se representan. As familias deberán inscribirse con antelación no teléfono 610 641 570, de luns a venres en horario de 10:00 a 14:00 horas, dende unha semana antes de cada encontro.

Dende este luns está aberto o prazo de inscrición para cativos menores de seis anos con cadanseu acompañante adulto nos tres pases previstos no Pereiro de Aguiar, Moaña e Redondela.

29 de outubro de 2013 | 17:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.