publicidade hoxe

O grupo xuvenil “Achega” fomenta o deporte co programa “Deporte e mente sen barreiras”

Ovidio Rodeiro na visita aos participantes de 'Deporte sen barreiras'

Ovidio Rodeiro na visita aos participantes de ‘Deporte sen barreiras’

O grupo informal Achega desenvolve o proxecto xuvenil ‘Deporte e mente sen barreiras’ co obxectivo de achegar actividades deportivas, culturais e de lecer a todo tipo de persoas, independentemente da súa discapacidade. Deste xeito, o proxecto está integrado por catro accións destinadas cada unha delas a un colectivo diferente: parálise cerebral, síndrome de Down, paraplexia e discapacidade visual.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, visitou en Santiago unha destas catro actividades. En concreto, un grupo de máis de 30 persoas participaron no polideportivo do Restollal nun acto de promoción do fútbol para persoas non videntes co que colabora a ONCE. Ademais das persoas con discapacidade visual, participaron na actividade persoas cos ollos vendados.

Rodeiro felicitou aos integrantes de Achega polo seu proxecto destacando que foi un dos mellor valorados tecnicamente dos presentados a Iniciativa Xove. Sobre esta liña de axudas que concede a área autonómica que dirixe, resaltou que se trata dunha ferramenta que permite descubrir e potenciar o talento xuvenil.

Ademais, o director xeral explicou que neste programa de financiamento poden participar tanto asociacións formalmente constituídas como grupos informais de mozos e mozas, o que posibilita á mocidade galega que poida organizar, emprender e impulsar actividades onde os actores principais sexan eles mesmos, sen intermediarios.

Iniciativa Xove permite sufragar ata o 100 por cento das iniciativas e proxectos de interese presentados polos mozos e mozas, cun investimento máximo por cada actividade de 4.000 euros. Todas as entidades e grupos que percibiron esta axuda, recibiron un anticipo do 80 por cento sobre o total da cantidade concedida. “Este feito permítelles financiar o proxecto sen ter que adiantar contías eles mesmos, o que evita que a posible falta de liquidez das persoas novas constitúa un impedimento para a posta en marcha das súas ideas”, sinalou Rodeiro.

O proxecto ‘Deporte e mente sen barreiras’ xa tivo lugar en Vilagarcía (Pontevedra), onde 12 persoas puideron achegarse ao pádel adaptado en cadeiras de rodas por parellas. Así mesmo, nas instalacións do Club Naútico de Combarro (Pontevedra), un grupo de 20 persoas con dificultades de mobilidade tamén puideron gozar da navegación de vela adaptada.

Por último, a cuarta actividade que prevé este proxecto terá lugar mañá nas instalacións da escola hípica San Cosme de Mos (Pontevedra), onde 10 persoas con discapacidade intelectual poderán realizar unha sesión de monta terapéutica. Consiste en aproveitar os movementos do cabalo para estimular os músculos e articulacións. Ademais, o contacto co cabalo proporciona vantaxes terapéuticas a nivel cognitivo, comunicativo e de personalidade.

22 de outubro de 2013 | 20:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.