publicidade hoxe

O grupo de traballo dos alcaldes e concelleiros lugueses reunirase en Chantada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaChantada
A-
A+

O grupo de traballo dos concellos lugueses reunirase a semana que vén na vila de Chantada, nunha data aínda por determinar. Este grupo, no que participan cinco persoas de diferente sensibilidade política e integrantes de corporacións municipais, confórmano os alcaldes de Ribadeo, Pedrafita, A Pastoriza e Monforte e o voceiro de Anova en Chantada.

O grupo creouse a raíz da primeira reunión de alcaldes e concelleiros da provincia de Lugo celebrada en Monforte o día 15 de xuño e entre os seus cometidos está o de organizar os encontros de alcaldes e concelleiros.

O obxectivo da reunión de Chantada será preparar un novo encontro de alcaldes e concelleiros para falar da situación que atravesan os pequenos concellos e para procurar medidas que solucionen a súa problemática. Serán tres os asuntos que se aborden nese futuro encontro: incremento do canon de Sogama, copago hospitalario e seguimento do proxecto de lei de reforma local.

O grupo de traballo tamén se dirixirá a tódalas forzas políticas con representación nos concellos galegos co obxecto de trasladarlle unha invitación para que algún alcalde ou concelleiro das provincias da Coruña, Ourense e Pontevedra, asista á próxima reunión.

23 de outubro de 2013 | 17:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.