publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O albergue das Corcerizas gaña o ‘Hostelling International’ para realizar un proxecto de redución de emisións de carbono

O albergue xuvenil das Corcerizas (Vilar de Barrio) foi o gañador do premio que ofrece ‘Hostelling International’ para proxectos dirixidos a mellorar o patrimonio natural mediante a redución de emisións de carbono e que está dotado con 25.000 libras (arredor de 30.000 euros).

Nesta competición participaron un total de 15 países, entre os que se encontraban Estados Unidos, Brasil ou China. En total premiáronse as tres iniciativas máis votadas, procedentes de Gran Bretaña, Estados Unidos e España, para o que se destinaron un total de 60.000 libras.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, mostrou a súa satisfacción por este galardón e explicou que, grazas a este, “o albergue poderá desenvolver un proxecto que lle permitirá converterse nunha illa enerxética que funcionará ao marxe da rede eléctrica convencional”.

Para conseguilo, instalarase un aeroxerador eólico que eliminará os combustibles fósiles e construirase un muro radiante de barro cru como sistema de radiación. Ademais, implantarase un programa dirixido a centros escolares con alternativas para enfrontar o cambio climático.

Pola súa banda, a Rede Española de Albergues Xuvenís (REAJ) trasladou as súas felicitacións por que un albergue español obtivese o devandito premio, así como polo traballo das diferentes Comunidades autónomas e organismos que contribuíron a promover o proxecto.

3 de outubro de 2013 | 23:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.