publicidade hoxe

Nove obradoiros darán emprego a máis de 200 persoas da provincia de Lugo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoO SaviñaoPantónSober
A-
A+

A delegada territorial, Raquel Arias, visitou hoxe os alumnos participantes no obradoiro de emprego RICRA-Ribeira Sacra, que vén de empezar esta semana e foi impulsado conxuntamente polos concellos de Pantón, Sober e O Saviñao. A delegada subliñou que a Consellería de Traballo e Benestar inviste 1,7 millóns de euros nos nove obradoiros de emprego que se están a poñer en marcha estes días na provincia, que dan emprego a máis de 200 persoas, 192 delas como alumnos traballadores e o resto como monitores ou persoal de dirección e administración.

Así, froito do impulso da Xunta de Galicia, con estes novos talleres que agora comezan suman 17 as iniciativas deste tipo que se realizan na provincia de Lugo ao longo deste ano, promovendo a formación e contratación de arredor de 400 desempregados. En total, nos 17 obradoiros que se desenvolven desde o inicio de ano invístense case 3,5 millóns de euros.

Arias estivo acompañada polos respectivos alcaldes, José Luis Álvarez, Luis Fernández Guitián e Joaquín González, ante os que subliñou a necesidade de seguir sumando sinerxías que procuren a creación de postos de traballo a nivel local. Ao respecto, indicou que existen novos viveiros de emprego susceptibles de xerar postos de traballo e “os concellos desempeñan un importante papel para detectar e aproveitar estes nichos de emprego no seu ámbito”.

A delegada explicou que a Consellería de Traballo e Benestar inviste preto de 178.000 euros (177.668 euros) neste proxecto, no que 20 traballadores desempregados adquiren formación teórica e experiencia laboral nas especialidades de xardinería e montaxe e instalación de construcións de madeira e realizan obras de interese social nos tres concellos.

Os participantes do obradoiro levarán a cabo, por exemplo: melloras no ámbito do campo da festa de Aiaz, da fonte de Estrumil, do antigo mercado do gando de Escairón, do campo da festa de Segan, da capela de San Gregorio de Xixiriz, no concello do Saviñao; melloras no ámbito da área recreativa de Castro de Ferreira, da de Gallegos, da de Monte Baliño, na praza de Goian e na zona da Fervenza de Augacaida, no municipio de Pantón; e melloras no ámbito do miradoiro de Bolmente, do miradoiro e santuario de Cadeiras, do souto da Tallada, da capela da Virxe dos Ánxeles e dos muíños do regato de Xabrega, no concello de Sober. Do mesmo xeito, nos tres concellos acometerase a realización e instalación de mobiliario urbano.

Raquel Arias defendeu o novo modelo de obradoiros de emprego, que en determinados casos promove aos concellos a mancomunar as propostas, porque “significa coordinar accións e reducir custos, permitindo o acceso do maior número posible de persoas desempregadas”.

Os obradoiros están dirixidos a persoas maiores de 18 e teñen unha duración de seis meses, durante os cales os alumnos traballadores perciben un salario e adquiren unha formación teórica e práctica orientada ás demandas reais do mercado laboral.

Esta filosofía de “aprender traballando” permite ademais que os obradoiros realicen obras e servizos de interese para os concellos que os albergan, aspecto que tamén apuntou Arias durante a súa visita. “En xeral –afirmou- estes proxectos abren un importante espazo de colaboración cos concellos, que son os que mellor coñecen tanto o seu potencial como as súas necesidades”.

29 de outubro de 2013 | 17:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.