publicidade hoxe

Igualado duelo provincial entre o Burela FS e o Vilalba FS

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBurelaDeportesVilalba
A-
A+

O Burela FS Pescados Rubén B recibirá este sábado nun duelo provincial moi igualado o Vilalba FS; ambas as escuadras chegan ao envite empatadas a 4 puntos. Vista Alegre acollerá a quinta xornada de Terceira División ás 16.00 horas.

Ao compromiso lugués, os pupilos de Lucas chegan co firme obxectivo de sacar os tres puntos. “É un partido que temos que gañar; sen esta vitoria vánsenos os equipos de arriba” aseguraba Lucas.

Os laranxas recibirán un rival que parece que chega nunha liña ascendente; vén de puntuar nos dous últimos encontros, con empate ante o Pazos de Borbén fóra (1-1) e triunfo na casa co sólido Santiago Futsal (3-2). “Perdeu unha peza clave con respecto ao ano pasado, Luis de Cospeito, pero segue sendo un conxunto aguerrido. A súa fortaleza radica na ordenación da defensa; esta calidade valeulles a vitoria da semana pasada ante o Santiago Futsal”, explicaba o mariñán.

Para Lucas a vitoria deste encontro pasa non perder a concentración: “Debemos evitar os descoidos; eses momentos cústannos moi caros. Foi o noso principal erro co Superti; a concentración desapareceu un par de minutos en cada parte e iso custounos catro goles”.

“Será un partido bonito, no que nos reencontraremos con Ismael” concluía o técnico facendo referencia ao xogador vilalbés que compartiu coa familia laranxa a pretempada do equipo de Primeira División.

Antón Couto cumprirá mañá o cuarto e último encontro de sanción; Bruno de Nois, lesionado, xa prepara o seu regreso paulatina aos adestramentos e Carlitos, dependendo das necesidades de hoxe no desprazamento de Primeira División, será unha posible incorporación para as filas de Lucas.

25 de outubro de 2013 | 16:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.