publicidade hoxe

Espazos Sonoros 2013 despídese cun concerto barroco no Mosteiro de San Rosendo de Celanova

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioCelanova
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria despide o ciclo Espazos Sonoros 2013 cun concerto da orquestra Música Acordada na igrexa do mosteiro de San Rosendo de Celanova, en Ourense, que terá lugar o domingo 27 de outubro ás 20:00 horas.

O conxunto instrumental barroco pechará a sexta edición deste ciclo promovido pola Secretaría Xeral de Cultura, que colleitou, un ano máis, unha excelente resposta do público nas diferentes convocatorias de concertos e actividades. Farao coa estrea do seu novo proxecto, De cordas, tubos e teclas, xunto á organista Marisol Mendive, un programa centrado no papel do órgano como instrumento solista no Barroco. Este último concerto do festival será unha oportunidade única para gozar dos repertorios barrocos da música para órgano e conxunto instrumental.

Música Acordada é un dos máis recentes e prometedores proxectos do panorama musical galego. Inicia as súas actividades en 2012 cando varios músicos e profesores de corda de diferentes conservatorios de Galicia, interesados na interpretación da música dos séculos XVII e XVIII, deciden formar unha orquestra para afrontar os repertorios propios do Barroco.

Concertos e actividades en espazos do patrimonio cultural

A sexta edición do festival Espazos Sonoros percorreu as catro provincias galegas desde o pasado 8 de setembro con concertos e actividades musicais en diferentes espazos do patrimonio histórico galego. Mostra da excelente acollida nesta edición foron o concerto en Armenteira do grupo inglés Gothic Voices, destacado tanto pola afluencia de público como pola calidade interpetativa do conxunto convidado e a especial simbiose xrada entre música e espazo, ou os emotivos momentos vividos en Cervo, con motivo da reapertura do auditorio do seminario de Sargadelos co espectáculo de danza Habelas.

Formacións como Il Combattimento, Marcos Teira, Odaiko Percussion Group, Caxade, Marisol Mendive, DandyLady, Gothic Voices, Emilio Cao, a compañía Cía trasPediante ou The Delightful Companion percorreron nesta edición diferentes espazos de interese cultural de Galicia, algúns xa vellos coñecidos do ciclo, como o Museo Massó de Bueu ou a igrexa de Santa María a Real de Xunqueira de Ambía, e outros descubertos para a curiosidade do público como os gabinetes científicos do IES Lucus Augusti, o muíño de maré Pozos de Cachón de Muros ou a Igrexa de San Salvador de Camanzo, espazo no que se tivo unha oportunidade única para visitar o patio interior do antigo mosteiro.

25 de outubro de 2013 | 13:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.