publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Concellos da provincia de Pontevedra promocionarán a igualdade e prevención da violencia de xénero

As axudas e subvencións a entidades locais para a promoción da igualdade, ascenden a 998.000 euros na provincia de Pontevedra, dos cales 680.000 corresponden a 39 concellos da área territorial de Pontevedra.

A resolución destas axudas supoñen 3,3 millóns de euros a nivel autonómico, foi publicada recentemente no DOG. No caso das axudas para fomentar a igualade nos concellos da área de Pontevedra, este ano 2013 foron un total de 9 concellos os que decidiron sumar esforzos e desenvolver programas conxuntos de actuación, especialmente na liña de axudas destinada aos Centros de Información á Muller.

Na área territorial de Pontevedra existen 17 CIMs, tres deles compartidos entre concellos. Así, contan cun Centro de Información á Muller, A Estrada, A Guarda, A Lama (compartido con Cotobade e Fornelos de Montes), Bueu, Caldas de Reis (compartido con Portas e Barro), Poio, Ponte Caldelas, Ponteareas, Pontevedra, Sanxenxo, Silleda, Vilagarcía, Vilanova, O Grove e a Mancomunidade de O Salnés (Meis, Ribadumia e Cambados). A estes hai que engadir o situado en Soutomaior e que beneficia tamén ao concello de Vilaboa e a Pazos de Borbén.

Os concellos da provincia de Pontevedra van percibir este ano axudas da Secretaría Xeral da Igualdade por importe de 680.000 euros, para a posta en marcha de iniciativas en catro liñas de actuación: a promoción da igualdade, a prevención e tratamento da violencia de xénero, o fomento da conciliación e o apoio aos CIMs.

No conxunto da zona, son beneficiarios nesta convocatoria os concellos de A Cañiza, A Estrada, A Guarda, A Lama, Arbo, Bueu, Caldas de Reis, Campo Lameiro, Catoira, Cerdedo, Cotobade, Cuntis, Forcarei, Lalín, Marín, Meaño, Meis, Moraña, Poio, Ponte Caldelas, Ponteareas, Pontecesures, Pontevedra, Ribadumia, Barro, Portas, Vilaboa, Cambados, Rodeiro, Sanxenxo, Silleda, Tomiño, Tui, Valga, Vila de Cruces, Vilagarcía, Vilanova, O Grove, O Rosal e a Mancomunidade de O Salnés. Ademais, os municipios recibirán un pagamento anticipado do 60% do importe das axudas concedidas.

Nove municipios da provincia beneficiáronse da novidade da convocatoria deste ano pola que se primaban as solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local. Coa finalidade de lograr unha xestión eficaz e eficiente dos recursos dispoñibles, a Xunta de Galicia pretendía impulsar e apoiar proxectos de xestión compartida e, deste xeito, Vilaboa foi un dos beneficiados ao agrupar aos concellos de Pazos de Borbén e Soutomaior para optar a estas subvencións, así como Caldas de Reis en agrupación con Barro e Portas. No mesmo caso están Cotobade, A Lama e Fornelos de Montes.

López Abella destacou que a resolución destas axudas, publicada recentemente no DOG, reflicte a aposta do Goberno galego pola cooperación entre municipios e a prestación conxunta de servizos. Unha cooperación pola que a Xunta seguirá apostando, convencida de que redunda nunha maior eficiencia e en beneficio para os cidadáns.

Tres liñas de axudas

As axudas para promoción da igualdade engloban tres programas de colaboración coas entidades locais: a promoción da igualdade entre homes e mulleres e prevención da violencia de xénero; o fomento da conciliación; e o apoio aos Centros de Información ás Mulleres.

O Programa de promoción da igualdade entre mulleres e homes está destinado a medidas como actividades de coeducación dirixidas á poboación infantil e xuvenil ou elaboración de plans municipais de igualdade de oportunidades. A liña de prevención e tratamento da violencia de xénero a accións de prevención deste problema e intervencións de carácter integral coas vítimas. Na área de Pontevedra, este programa recibe un total de 72.620,28 euros.

Pola súa banda, o programa destinado á conciliación subvenciona todas aquelas accións que os concellos adopten coa finalidade de facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral das persoas traballadoras, como os bancos de tempo ou os plans de programación do tempo das cidades. Neste caso, os municipios da área de Pontevedra reciben un total de 31.039,45 euros.

Por último, o programa dedicado aos CIM, ten por obxecto colaborar coas entidades locais no funcionamento destes centros, coa finalidade de garantir a prestación dun servizo de información ás mulleres e promoción da igualdade, que lles proporcione asesoramento xurídico e psicolóxico; información sobre recursos específicos para mulleres, así como o desenvolvemento de calquera outra actividade que teña como obxectivo prioritario a promoción da igualdade entre mulleres e homes. Este é o programa que recibe un maior volume de investimento para os concellos da área territorial de Pontevedra cunha contía de case 575.072,87 euros.

14 de outubro de 2013 | 20:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.