publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Concellos da provincia de Ourense recibirán preto de 500.000 euros para promoción da igualdade

Os concellos da provincia de Ourense van percibir este ano axudas da Secretaría Xeral da Igualdade por importe de 499.295 euros, para a posta en marcha de iniciativas en tres liñas de actuación: a promoción da igualdade entre homes e mulleres e prevención da violencia de xénero, o fomento da conciliación e o apoio aos Centros de Información ás Mulleres. Estas axudas foron presentadas esta mañá en Ourense pola secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, nunha rolda de prensa na que estivo acompañada polo delegado territorial, Rogelio Martínez.

López Abella e Martínez destacaron que a resolución destas axudas reflicte a aposta do Goberno galego pola cooperación entre municipios e a prestación conxunta de servizos. Unha cooperación pola que a Xunta seguirá apostando, convencida de que redunda nunha maior eficiencia e en beneficio para os cidadáns. A secretaria xeral da Igualdade subliñou que coa convocatoria deste ano pretenderon impulsar e apoiar proxectos de xestión compartida e “primouse as solicitudes presentadas por máis dunha entidade local fronte ás presentadas individualmente”. Así, referiuse a que o concello do Carballiño presentou a súa solicitude agrupando con él os concellos de San Amaro, Beariz, Boborás, San Cristovo de Cea, o Irixo, Maside, Piñor e Punxín. Pola súa banda o de Muíños presentou a solicitude incluíndo os concellos de Lobios e Bande; e finalmente na petición do concello de Pobra de Trives inclúese os concellos de Manzaneda e San Xoán de Río.

No conxunto da provincia, son beneficiarios nesta convocatoria un total de 44 concellos, fronte aos 23 que recibiron subvención o ano pasado. O primeiro pagamento do 60% da contía da subvención concedida, en concepto de pagamento anticipado, se fará efectivo a cada un dos concellos beneficiarios no momento de notificación da concesión da axuda, unha medida adoptada por Igualdade considerando a delicada situación económica dos concellos.

Das tres liñas de actuación establecidas, a relativa ao apoio aos CIMs é a de maior dotación, cunha contía que ascende na provincia a 336.663 euros, que se distribúen en 11 centros: Avión, O Barco, O Carballiño, Xinzo da Limia, Maceda, Muíños, Ourense, Pobra de Trives, Verín, Viana do Bolo e Mancomunidade Terra de Celanova. Estas subvencións teñen por obxecto colaborar coas entidades locais no funcionamento destes centros, coa finalidade de garantir a prestación dun servizo de información ás mulleres e promoción da igualdade, que lles proporciones asesoramento xurídico e psicolóxico; información sobre recursos específicos para mulleres, así como o desenvolvemento de calquera outra actividade que teña por obxectivo prioritario a promoción da igualdade entre homes e mulleres.

A segunda liña, por volume presupostario, é a de promoción da igualdade entre homes e mulleres e de prevención e tratamento integral da violencia de xénero que suma 116.837 euros, dos que son beneficiarios 28 concellos, para programar actividades de coeducación dirixidas á poboación infantil e xuvenil ou para elaborar plans municipais de igualdade de oportunidades. Ademais, tamén permitirán desenvolver accións de prevención deste problema e intervencións de carácter integral coas vítimas.

A liña de medidas de fomento da conciliación, con 45.795 euros, beneficia a un total de 8 concellos, que desenvolverán accións coa finalidade de facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral das persoas traballadoras, como os bancos de tempo ou os plans de programación de tempo das cidades.

Cómpre destacar que as entidades locais que reciben máis axudas son o concello da capital, o de Xinzo da Limia, a Mancomunidade de Terra de Celanova e o Barco de Valdeorras, Viana do Bolo, Maceda e Pobra de Trives.

14 de outubro de 2013 | 13:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.