publicidade hoxe

Comezan as obras de mellora do firme dun tramo da estrada LU-642 no concello do Incio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaO Incio
A-
A+

As obras de mellora do firme da LU-642, nun tramo de 4,26 quilómetros correspondente á vía que comunica as localidades de Oural e Ferrería de Incio darán comezo nos próximos días.

A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, significou que “esta actuación servirá para mellorar a plataforma da vía e incrementar a seguridade da estrada, o que é especialmente importante de cara ás condicións da vialidade no inverno”.

O Executivo galego inviste 187.000 euros nesta actuación, que deu comezo hai uns días coa limpeza de cunetas e outros traballos previos e estará rematada en menos dun mes. O trazado afectado discorre entre o núcleos de Goo e a intersección da estrada coa LU-641 en Xirgueiros.

O proxecto consiste no reforzo do firme existente mediante o estendido dunha capa de 5 centímetros de formigón bituminoso en quente, en capa de rodaxe, un material que presenta unha elevada capacidade resistente, ademais dunhas excelentes características de adherencia do neumático ao pavimento.

Estes traballos de reforzo do firme veranse complementados pola correspondente execución das axeitadas actuacións de reperfilado de cunetas e sinalización horizontal.

Na próxima semana está previsto acometer a extensión do aglomerado se o permiten as condicións meteorolóxicas, que determinarán tamén o prazo dos traballos. Así, prolongaranse por arredor de cinco días e durante este tempo será preciso proceder a realizar cortes puntuais na vía, que estarán debidamente sinalizados ao igual que os desvíos.

Recoméndase utilizar como alternativa a estrada LU P 5711 para aqueles que realicen o tramo completo entre Oural e Cruz do Incio.

21 de outubro de 2013 | 00:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.