publicidade hoxe

Comezan as clases no obradoiro de hostalería do Salnés

Presentación do Obradoiro de Hostalería

Presentación do Obradoiro de Hostalería

24 alumnos iniciaron hoxe, nas instalacións da Deputación de Pontevedra na Lanzada, o 10º Obradoiro de Hostalería, que, promovido pola mancomunidade do Salnés, foi no seu día o pioneiro en España.

O curso, cun orzamento de 270.000 euros, durará seis meses, desde o mércores 16 de outubro ata a Semana Santa. Os alumnos-traballadores recibirán unha alta formación profesional con vistas á súa inserción laboral; nos últimos anos entre o 80% e o 90% do alumnos foron contratados ó remate das clases. O centro imparte formación en dous módulos: cociña e camareiro de restaurante.

O presidente da mancomunidade e alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, destacou a importancia da hostalería no Salnés, pero lembrou que tiñan que mellorar dous aspectos: a profesionalidade e a captación de turismo exterior, pois, na actualidade, resulta caro viaxar a Galicia. Neste sentido barallou a posibilidade –en tanto non se coordinen os voos ás terminais aeroportuarias galegas– de potenciar a chegada de turistas en autobús por Porto.

Pola súa banda, a deputada provincial Marta Iglesias destacou a importancia dun sector, o turismo, que na provincia representa o 12% do seu PIB e ocupa a 40.000 persoas.

A deputada provincial afirmou que a saída da crise “premiará os mellor formados” e lembrou o intenso labor que, con ese fin, desenvolve a Deputación de Pontevedra a través dun investimento de máis de 15 millóns de euros en contratos laborais e bolsas para mozos titulados en empresas e concellos, así como noutros proxectos formativos coma Aquelando, que outorga certificados de profesionalidade en materias coma a atención sociosanitaria, o comercio, as vendas, entre outras.

17 de outubro de 2013 | 01:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.