publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Comeza o obradoiro para 20 desempregados dos concellos de Aranga, Irixoa, Monfero e Vilarmaior

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaArangaIrixoaMonferoVilarmaior
A-
A+

A Consellería de Traballo e Benestar puxo hoxe en marcha o obradoiro de emprego que realizarán de forma conxunta os concellos de Aranga, Irixoa, Monfero e Vilarmaior. Esta iniciativa contará cun orzamento de 177.668 euros e beneficiará a 20 persoas en situación de desemprego destes catro municipios.

A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, visitou esta mañá aos participantes nesta actividade, acompañada polos alcaldes dos concellos. Na súa intervención, destacou as vantaxes destes proxectos, pois favorecen o acceso a un posto de traballo, ao tempo que ofrecen unha formación teórico e práctica de calidade, certificada e adecuada ao mercado laboral, e permiten a realización de obras ou servizos de interese para a comunidade.

Neste caso, o alumnado especializarase na prestación de atención sociosanitaria a persoas no fogar. Ao rematar o programa, recibirá un certificado de validez para todo o territorio nacional, que demostrará a súa preparación e habilidades e que “incrementará moi significativamente a súa empregabilidade”, destacou Do Campo.

Durante a súa visita, a delegada recordou que na área de Betanzos tamén se levarán a cabo outros dous obradoiros máis. Entre os tres proxectos, chegarán a un total de 60 beneficiarios nesta zona.

Deste xeito, ao de Aranga, Irixoa, Monfero e Vilarmaior, sumarase tamén o obradoiro concedido ao concello de Betanzos e que se centrará na especialidade de atención á dependencia. Beneficiará a 20 persoas desempregadas. Para poñelo en marcha, a Xunta investirá outros 177.668 euros.

Ademais, tamén foi aprobado o obradoiro conxunto entre os concellos de Oza-Cesuras e Coirós, que tamén se centrará na atención sociosanitaria. Ao igual que os anteriores, Traballo destinará unha achega de 177.668 euros para a formación teórico-práctica de 20 alumnos.

En total, en toda Galicia vanse levar a cabo un total de 50 obradoiros, grazas a un investimento de preto de 10 millóns de euros que beneficiará ao redor de 1.300 galegos e galegas. Deste total, na provincia da Coruña celebraranse 17 obradoiros, nos que participarán 34 concellos e 370 alumnos, cun orzamento de 3,3 millóns de euros. Esta contía forma parte do investimento total en emprego que a Consellería de Traballo e Benestar realizará ao longo de 2013 na provincia da Coruña e que supera os 51,5 millóns de euros.

31 de outubro de 2013 | 17:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.