publicidade hoxe

Carballo acolle o V Curso de Formación sobre o Patrimonio Lúdico para divulgar os xogos populares

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballoLocal Portada
A-
A+
Presentación do curso de formación

Presentación do curso de formación

O Fórum Carballo acolle o venres 8 e o sábado 9 de novembro o V Curso de Formación sobre o Patrimonio Lúdico que organiza a Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional (AGXPT) xunto con Nova Escola Galega e a colaboración do Concello de Carballo. O lema da cita é o “Xogo tradicional e desenvolvemento psicomotriz” e o obxectivo do curso é o de “tratar de formar aos educadores” e “divulgar” os xogos populares como son a chave, a corda, as bólas, a ra, a estornela, o ovo, a mariola, etc. Así o explica Paco Veiga, da AGXPT, que subliña que durante o curso xuntaranse profesionais da educación de distintos ámbitos para “dotalos de ferramentas coas que recuperar o xogo tradicional”. Os relatorios e obradoiros terán lugar nas instalacións do Fórum Carballo durante a tarde do venres 8 e toda a xornada do sábado 9, mentres que tamén está previsto que o CEIP Xesús San Luís Romero sexa o escenario de xogos de animación.

Ademais, o curso complétase coa actuación o sábado no auditorio do Pazo da Cultura de Odaiko Percussion Group titulada “Xogar coa música, xogar cos sons”, así como con unha cea colectiva o venres pola noite. O Concelleiro de Turismo, Xosé Regueira, quixo salientar a importancia dos xogos populares como un xeito de “recuperar hábitos que son saudables e divertidos”. Respecto do programa máis polo miúdo, Paco Veiga divide as actividades en tres bloques. Un centrado na comarca de Bergantiños, que contará coa intervención do profesor Apoliñar Graña Varela en relatorios e obradoiros prácticos. Completaras cunha conferencia sobre o recentemente inaugurado Musel Etnolúdico de Galicia situado en Ponteceso e pecharase coa intervención do Club Artesanía Padín de Chave, un dos xogos que pode considerarse “xenuinamente galego”. O segundo bloque céntrase na intervención de especialistas do xogo tradicional en Galicia, con nomes como o de Luís Rama Ramírez, de Culleredo, un dos maiores especialistas no xogo do trompo.

E o terceiro bloque procura traer o punto de vista do exterior, e contará coa intervención de Julio Ángel Herrador Sánchez, da Universidade Pablo Olavide de Sevilla, que falará sobre “Os xogos tradicionais na iconografía (pintura, esculturas, grafitti…)”. Veiga quixo agradecer especialmente o apoio na cita da Asociación Europea de Xogos e Deporte Tradicionais e do Concello de Carballo. Precisamente o Alcalde, Evencio Ferrero, aproveitou a oportunidade para lembrar os seus tempos de mozo, cando gozaba especialmente coas bólas, o trompo ou a mariola, e vendo como “se favorecía a excelente convivencia”. Para Ferrero “as perdas aceleradas do xogo tradicional habería que frealas, porque é unha maneira extraordinaria de humanizar os pobos e de socializar”.

Os interesados e interesadas en inscribirse e participar no curso poden facelo contactando coa Nova Escola Galega no 981 562 577 e no enderezo electrónico <neg@mundo-r.com>; e na AGXPT no enderezo electrónico <agxpt@telefonica.net>. A ficha de inscrición pode descargarse en <www.agxpt.org> e en <>www.nova-escola-galega.org>. Respecto do número de participantes, poderán ser un máximo de 70 por rigorosa orde de inscrición, e o profesorado contará con 12 horas de formación homologadas pola Consellería de Educación. Respecto do custo da matrícula, até o 4 de novembro a cota ordinaria é de 50 € excepto para socios/as de Nova Escola Galega, 20 € e estudantes e parados, 25 €. A partir do 5 de novembro a inscrición custa 60 €, sendo 30 € para socios de Nova Escola Galega e 35 € para estudantes e parados. É posible solicitar axuda económica para asistir á actividade. As condicións poden consultarse no Diario Oficial de Galicia (DOG) do 26 de xullo de 2013. Os interesados e interesadas poden descargar nesta mesma nova o programa ao completo da actividade así como o cartel anunciador da iniciativa.

22 de outubro de 2013 | 17:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.