publicidade hoxe

As obras de mellora do firme en varias estradas de Mazaricos serán financiadas con 160.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaMazaricos
A-
A+

O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, realizou esta mañá unha visita institucional ao Concello de Mazaricos, onde se reuniu co seu alcalde, José Manuel Santos Maneiro, e outros membros da Corporación municipal.

O encontro serviu para que abordasen as últimas actuacións realizadas pola institución provincial no municipio, así como para coñecer as necesidades máis urxentes e os próximos proxectos de colaboración entre as dúas administracións, que Calvo se comprometeu a estudar.

Entre eles, o presidente da Deputación anunciou un investimento de 160.000 euros para financiar as obras de mellora do firme en varias vías municipais nas parroquias de Beba, Corzón, Maroñas e Corveira.

Esta actuación, segundo o proxecto presentado polo Concello, contará cun orzamento total de 200.000 euros, dos que a institución provincial achegará o 80%.

Con este investimento, que será aprobado o venres próximo polo Pleno, poderase levar a cabo a pavimentación con asfalto e limpeza de cunetas no tramo desde Beba ao cruzamento de Bouzas; no tramo entre a estrada xeral e a Igrexa de Corzón; entre o tramo de Maroñas ao cruzamento de Lamosa; e entre o tramo da estrada xeral á Corveira.

Plans provinciais

Durante o encontro co alcalde e os concelleiros, o presidente da Deputación lembrou o traballo que se está a facer desde a institución provincial para axudar aos concellos. Como exemplos da colaboración prestada no último ano os 340.494,99 euros que Mazaricos recibiu este ano procedentes do Plan de obras e servizos ou os 303.412,68 a maiores que lle corresponderon a este municipio dentro do DTC94.

Respecto destes plans, Calvo insistiu na importancia de que “estamos a falar de moitos cartos que se reparten, con criterios obxectivos, entre todos os concellos da provincia, que ademais son os que deciden, con base nas súas necesidades, o destino destas axudas”.

Do mesmo xeito, falou da recente sinatura dun convenio co Concello de Mazaricos para a achega, por parte da Deputación, dun total de 60.000 euros destinados á adquisición dun tractor cortacéspede e agrícola para o mantemento das áreas verdes do municipio.

Tamén dentro do apartado de colaboración cos concellos, o presidente falou da boa xestión que realiza a Deputación en todo o relacionado coa recadación dos tributos e taxas municipais que os concellos delegan na institución provincial.

No caso de Mazaricos, sucede isto co IBI, o IAE, o IVTM, o rexistro catastral, a recadación das sancións de tráfico, a recollida de residuos, a entrada de vehículos, a ocupación da vía pública e o aproveitamento do solo e o subsolo.

Este concello, ademais, beneficiouse dos adiantos que, tomando como referencia a previsión da recadación en cada municipio, ordenou o pasado mes de xullo a Deputación para que os axuntamentos puideran facer fronte ao plan de pago de provedores ditado polo Goberno central.

24 de outubro de 2013 | 13:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.