publicidade hoxe

As obras de aforro enerxético en Campo Lameiro supuxeron a substitución de máis de 100 luminarias

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCampo LameiroLocal PortadaPontevedra
A-
A+
Cores Tourís na visita a Campo Lameiro

Cores Tourís na visita a Campo Lameiro

O remate das obras de aforro enerxético realizadas en Campo Lameiro supuxeron a instalación de novos farois led en diversos puntos do municipio. Esta obra realizouse grazas á subvención obtida polo Consorcio Conca do Lérez e que supón un investimento global de 152.973 euros para a substitución de farois nos tres concellos que conforman esta agrupación (Cerdedo, Campo Lameiro e Cotobade).

Na visita estivo acompañado polo alcalde da localidade, Julio Sayáns, así como polo xefe territorial de Economía e Industria en Pontevedra, Ignacio Rial.

No caso de Campo Lameiro, os traballos consistiron na substitución, nas diferentes rúas do casco urbano, de máis de 100 farois dotadas cun equipo de aforro enerxético que permite reducir ata un 50% a factura eléctrica das novas instalacións.

En concreto, o consorcio acolleuse a nova orde de subvencións a proxectos de aforro e eficiencia enerxética publicada en marzo pola Consellería de Economía e Industria a través do INEGA.

Estas axudas destínanse a proxectos de renovación de instalación de iluminación pública exterior cun orzamento global para o 2013 de 3.628.104 euros para toda Galicia, un 50% máis que o ano pasado.

“Máis de 20 concellos da nosa provincia obtiveron unha destas axudas”, explicou Cores Tourís, quen argumentou que os municipios contaron así cunha axuda de ata o 70%.

José Manuel Cores Tourís insistiu no feito de que “coa execución destes proxectos obtense un importante aforro enerxético e económico, de ata un 50% na factura eléctrica das instalacións substituídas. Así se contribúe á mellora da situación financeira das administracións locais. Ademais acadaranse importantes vantaxes ambientais, como a redución das emisións de CO2 ou a diminución da contaminación lumínica que sofren os concellos”.

O delegado territorial destacou que a obra visitada é un exemplo de proxecto desenvolvido por agrupacións ou fusións de concellos, “unha modalidade que, como novidade para este ano, foi valorada moi positivamente á hora da concesión das subvencións”. De feito, incrementouse nun 15% a contía da axuda a este tipo de proxectos con respecto ao que lle correspondería a cada municipio de xeito individual.

2 de outubro de 2013 | 17:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.