publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

As melloras de saneamento de Pereiro de Aguiar e San Cibrao das Viñas licitaranse por 5 millóns de euros

Rexedores e autoridades no acto de sinatura

Rexedores e autoridades no acto de sinatura

Os respectivos alcaldes asinaron os convenios para as obras de mellora do saneamento dos concellos de Pereiro de Aguiar e San Cibrao das Viñas, polo que este mesmo mes o organismo estatal procederá á licitación das obras, por un importe de 5,3 millóns de euros. O acto, contou coa presenza do delegado do Goberno en Galicia, Samuel Juárez, o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, e o presidente da Confederación Hidrográfica Miño- Sil, Francisco Marín.

Pereiro de Aguiar

No caso de Pereiro de Aguiar, o conxunto de actuacións recollidas neste convenio permitirán finalizar a Estación de Tratamento de Augas Residuais (EDAR) do municipio, así como mellorar de forma substancial a rede de saneamento existente. Unha vez rematadas as obras, as augas residuais de orixe doméstica do concello de Pereiro de Aguiar, que actualmente son conducidas para o seu tratamento á depuradora do Polígono de San Cibrao, serán tratadas na nova depuradora, mentres que as de orixe industrial procedentes do parque empresarial de Pereiro seguirán depurándose en San Cibrao.

Con este proxecto conséguese un dobre obxectivo. Por unha banda, o novo sistema suporá o correcto tratamento das augas residuais, mellorando os estándares de calidade no medio receptor, en especial o ecosistema hídrico do río Lonia e o embalse de Cachamuiña. Ademais, ao separar as augas residuais urbanas das industriais reducirase de xeito significativo a cantidade de auga que ten que tratarse na EDAR de San Cibrao, permitindo unha maior eficiencia da mesma.

O orzamento total para levar a cabo as actuacións previstas neste convenio ascende a máis de 1,6 millóns de euros. A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), achegará o 80% do orzamento, mentres que Augas de Galicia, aportará o 20% restante.

Mellora en San Cibrao

Por outra banda, tamén se asinou o convenio para a execución das obras de saneamento e mellora da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de San Cibrao das Viña, cuxas obras estarán rematadas en 2015.

Actualmente, na rede de saneamento de San Cibrao prodúcense vertidos que deterioran o estado ecolóxico do río Barbaña. Este feito orixina unha importante mobilización social que reclama a recuperación do río conforme ao Plan Hidrolóxico da Confederación Hidrográfica Miño-Sil.

Por outra banda, na EDAR detéctanse importantes problemas de filtracións e excesiva afluencias de pluviais, así como puntas de contaminación industrial. Estas circunstancias supoñen un grave risco debido á inhibición dos procesos biolóxicos, ademais do incumprimento do efluente da Estación Depuradora.

A actuación suporá un investimento de 3,7 millóns de euros, dos que o 80% serán aportados pola Confederación a través dos Fondos FEDER e o 20% restante por Augas de Galicia.

En definitiva, a posta en marcha deste acordo mellorará as actuais infraestruturas de saneamento e depuración que dan servizo ao Parque Empresarial de San Cibrao das Viñas e aos núcleos de poboación situados nas súas inmediacións, co obxecto de minimizar os vertidos ao río Barbaña e garantir a súa recuperación e o bo estado ecolóxico.

22 de outubro de 2013 | 23:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.