publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Arranca o obradoiro que dará emprego a 26 desempregados de Ortigueira e Mañón

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMañónOrtigueira
A-
A+

Os alcaldes de Ortigueira e Mañón, Rafael Girón e Alfonso Balseiro, deron esta mañá a benvida aos integrantes do novo obradoiro de emprego do Ortegal. O programa, que alternará a aprendizaxe teórica e a práctica laboral retribuída nas especialidades de albanelaría e carpintaría, beneficiará a un total de 26 parados orteganos e mañoneses, permitindo ademais materializar unha obra de interese público Loiba. Na súa intervención, o rexedor ortegano destacou a utilidade do taller de emprego e subliñou o compromiso do seu goberno co fomento do emprego.

A primeira hora desta mañá, e en presenza de ambos os dous alcaldes, asinaban os seus contratos no Antigo Hospital de San Roque as persoas desempregadas que conformarán o alumnado e o equipo docente do programa mixto. Arrancaba así, de xeito efectivo, o obradoiro, que está avalado economicamente pola Consellería de Traballo (178.000 €) e o Concello de Ortigueira (92.000 €).

A iniciativa, que requiriu a solicitude conxunta de ambas as dúas entidades locais, ao non sumar por separado o mínimo de desempregados esixidos para optar ás axudas autonómicas, permitirá que 15 orteganos/ás e 5 mañoneses/ás que se encontraban en situación de desemprego reciban unha formación homologada (12 deles en carpintaría e 8 en albanelaría) e, á vez, perciban un salario.

Entre os seleccionados, persoas con especiais dificultades de inserción como parados de longa duración, mulleres e mozos sen experiencia laboral. Á nómina de beneficiarios, hai que sumar ademais outras 6 persoas de Ortigueira, os integrantes do equipo docente e administrativo.
O alumnado do obradoiro de emprego encargarase da construción de varias instalacións complementarias ao equipamento deportivo existente na parroquia ortegana de Loiba, co obxectivo de dinamizar e potenciar o uso e desfrute por parte dos veciños e turistas deste espazo e, sobre todo, do ámbito natural próximo polo que discorre o “Camiño da Costa”.

Rafael Girón destacou a aposta decidida pola formación e o emprego realizada polo seu goberno nun momento en que o paro é a gran preocupación dos cidadáns. E tras recordar que a obtención do obradoiro de emprego foi un dos seus compromisos electorais, referiuse ao dobre beneficio que reportará a iniciativa laboral: “por unha parte, permitirá que os participantes dispoñan polo menos durante uns meses duns ingresos que, sen dúbida, necesitan, e que vexan melloradas a súa posibilidades futuras de conseguir un posto de traballo e, por outra, axudará a materializar unha obra de interese turístico”.

28 de outubro de 2013 | 17:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.