publicidade hoxe

Alcaldes e técnicos da Costa da Morte propoñen facer comarca desde o deporte

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaDeportesVimianzo
A-
A+

Esta mañá reuníanse no concello de Vimianzo alcaldes e técnicos deportivos de sete  concellos da Costa da Morte para organizar un programa de actividades deportivas común. Manuel Antelo recibía en Vimianzo a Manuel Alonso, Alcalde de Camariñas; Zaira Rodríguez, alcaldesa de Cee; José Manuel Traba, alcalde de Fisterra; Manuel Ínsua, concelleiro de deportes de Corcubión e Iván Franco, concelleiro de deportes de Carnota. Non puido acudir á reunión, por motivos de axenda, o alcalde de Muxía, Félix Porto, mais este concello será un dos 7 concellos participantes.

Do mesmo xeito, o técnico municipal de deportes de Vimianzo, Víctor Santos, estivo acompañado na reunión polos seus colegas de Camariñas, Fran Puga; Muxía, Diego Castiñeira; Cee, Manuel Calo; Corcubión, Carlos Pazos; Fisterra, Miguel Olveira; e Carnota, María Lestón. Os técnicos expuxeron as liñas da programación deportiva co obxectivo de chegar a  un acordo entre os sete concellos para levar a cabo unha programación deportiva común, aproveitando as actividades deportivas comúns que cada concello vén facendo de xeito individual. As actividades que sacaron á palestra para levar a cabo serían un circuíto de carreiras pedestres da Costa da Morte, circuítos de duatlón ou triatlón, rutas BTT, exhibicións de patinaxe ou o programa de andainas que elaboraron cinco concellos na primavera deste ano, sumando máis concellos a este proxecto.

Os Alcaldes e Concelleiros tomaron nota das propostas e mostráronse interesados a levar adiante ese proxecto sendo este un xeito, por un lado, de “facer comarca”, no amplo sentido da Costa da Morte, de promocionar a Costa da Morte xa que moita xente de toda a xeografía galega participa en actividades como as carreiras pedestres, os duatlóns, trialóns e incluso nas andainas. Por outro lado, o feito de unir os concellos para este fin, favorecería o abaratamento de custes á hora de organizar as actividades e poñelas en marcha, ao igual que á hora de publicitalas, e atraería tamèn moitos máis participantes ás mesmas facilitando desde os concellos a participación dos usuarios no concello veciño. Os representantes dos diferentes gobernos municipais presentes na reunión deixaron claro que pode haber unión defendendo un interese común a todos os concellos, como é a promoción do noso territorio e o benestar dos veciños e veciñas da Costa da Morte, unindo esforzos desde os concellos sexan os seus gobernos de calquera color político: nacionalistas en Vimianzo e Carnota, socialistas en Camariñas, Muxía e Corcubión ou populares en Cee e Fisterra

24 de outubro de 2013 | 18:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.