publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A remodelación da praza de abastos das Neves ascende a 60.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAs NevesLocalLocal PortadaPontevedra
A-
A+
Visita ao mercado de abastos do concello das Neves

Visita ao mercado de abastos do concello das Neves

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou o mercado de abastos do concello das Neves onde se van pór en marcha obras de renovación destas instalacións municipais.

Na visita estivo acompañado polo alcalde da localidade, Emilio Castro, así como polo xefe territorial de Economía e Industria en Pontevedra, Ignacio Rial.

Estas obras teñen como obxectivo a potenciación do comercio local deste municipio. Neste sentido, Cores Tourís insistiu no interese da Consellería de Economía e Industria de traballar en pro da revitalización do comercio de proximidade e da creación dunha rede galega de mercados de abastos excelentes.

“Seguindo esta liña de actuación, a Consellería concedeu unha subvención a este concello encamiñada á remodelación das infraestruturas do mercado de abastos tanto no tellado como na fachada e na planta alta”, explicou Cores Tourís, quen destacou que se trata da cuarta fase da reforma deste edificio. O proxecto presentado polo municipio para esta fase rolda os 60.000 euros, dos cales, 45.000 euros serán aportados pola administración autonómica.

Os traballos consistirán na reparación do tellado e do sistema de recollida de augas, a limpeza e revestimento da fachada e a mellora do pavimento da planta alta. Tamén se reporá o mobiliario de obra e dos postos de venda. “As obras comezarán polo tellado nos próximos días”, explicou o delegado territorial, quen matizou que este feito obrigará a esperar “xa que debe mellorar o tempo para poder comezar a traballar”.

As obras executaranse a través da nova orde de axudas publicada pola Consellería de Economía e Industria destinará 1,5 millóns de euros á mellora de investimentos en mercados e en infraestruturas comerciais da provincia de Pontevedra, “o que significa o 32,5% do total destinado á comunidade autónoma”, explicou Cores Tourís.

“A adecuación e mellora dos equipamentos públicos comerciais municipais, e especialmente, das prazas de abastos, constitúen un elemento clave para o desenvolvemento do comercio de proximidade, que é un dos motores económicos de todos os concellos”, engadiu o delegado territorial. “Para estes efectos, as actua¬cións desenvolvidas polos concellos no ámbito comercial resultan imprescindibles. É preciso, polo tanto, acondicionar estes espazos ás necesidades, tanto dos comerciantes como dos consumidores”, apuntou.

Humanización exterior

O ano pasado, a Consellería de Economía e Industria colaborou co concello de As Neves para executar melloras no entorno do mercado municipal co obxectivo da súa humanización de cara a dinamización do comercio local.

Esta obra exterior foi certificada por 100.000 € euros e a axuda aportada pola Dirección Xeral de Comercio chegou ao 75% do montante total. “Trátase dun paso máis, xunto a futura reforma da praza de abastos, que ten coma obxectivo final a potenciación e o impulso ao comercio local deste concello, mediante a revitalización da zona comercial do entorno do mercado municipal de As Neves, priorizando ao peón”, explicou Cores Tourís.

En concreto, neste área levouse a cabo o levantamento do firme existente na rúa e beirarrúa; a instalación da base de formigón para o firme e de solados de pedra, así como a ampliación da rede de pluviais.

“Estes traballos, tanto os xa executados como os que se van a por em marcha no interior do edifício, teñen como obxectivo a dinamización das nosas tendas, dos nosos locais comerciais. Tamén queremos dinamizalo e garantir a súa supervivencia e crecemento”, asegurou pola súa banda o alcalde da localidade, Emilio Castro, quen agradeceu a colaboración da Xunta neste sentido.

16 de outubro de 2013 | 23:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.