publicidade hoxe

A praza de Lebozán, en Beariz, será acondicionada para convertila nun punto de referencia veciñal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBearizLocal PortadaOurense
A-
A+

O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, e o alcalde de Beariz, Manuel Prado López, asinaron esta mañá un convenio de colaboración para acondicionar e mellorar a Praza de Lebozán, neste municipio. O importe deste convenio, aportado ao 100% pola Xunta de Galicia, elévase a case 32.000 euros (31.937).

Nas inmediacións desta praza conflúen varias zonas de esparcemento veciñal, como a igrexa parroquial de Santa Cruz, a escultura A lavandeira do metal e un parque infantil; polo que a mellora e acondicionamento deste punto converterá esta zona nun punto de referente veciñal.

As actuacións consistirán na mellora do pavimento con lousas de pedra de granito do país, a construción dun muro de formigón, ao tempo que se instala unha arqueta e toma de augas. O proxecto tamén inclúe a construción dunha caseta para albergar o cadro eléctrico.

En relación coas obrigas, o departamento que dirixe Agustín Hernández aportará o 100% do investimento; mentres que a Administración local deberá redactar o documento técnico de definición da obra, obter os permisos, licencias e autorizacións, poñer a disposición da Xunta os terreos libres de cargas e contratar, executar e dirixir as obras.

O conselleiro manifestoulle ao alcalde que non se trata dunha obra cun orzamento elevado, pero puxo en valor a importancia desta actuación xa que responde ao obxectivo de recuperar os espazos de encontro para mellorar as posibilidades de lecer dos cidadáns e contribuír ao reequilibrio territorial fixando poboación no media rural.

Plan Hurbe

O Goberno galego ten dentro dos seus obxectivos principais conseguir a mellora da calidade de vida dos cidadáns, neste caso dos habitantes do rural galego, polo que a Consellería de Medio Ambiente está a desenvolver, dentro do Plan Hurbe, unha serie de actuacións como a mellora das contornas urbanas, a posta en valor de determinados inmobles, a creación de novos espazos públicos ou a reposición de servizos, entre outras.

O Plan Hurbe 2010-2014 naceu como resposta á necesidade da humanización das vilas de Galicia. Tendo en conta o modelo social de integración cidadá, busca o achegamento dos entramados urbanos aos seus habitantes mediante a adecuación e creación de espazos públicos. Distínguese como fundamental a colaboración cos concellos como órganos responsables desas áreas, sendo o Plan Hurbe a ferramenta de colaboración técnico-financeira da Xunta de Galicia neste eido. A finalidade perseguida é a de humanizar as vilas, as grandes e as pequenas que máis o precisen, atendendo á realidade sociodemográfica de cada unha delas.

23 de outubro de 2013 | 19:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.