publicidade hoxe

46.000 euros para promover proxectos de mellora de vías e camiños rurais en Vilasantar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaVilasantar
A-
A+
Belén do Campo e Fernando Pérez

Belén do Campo e Fernando Pérez

A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, comunicoulle hoxe ao alcalde de Vilasantar, Fernando Pérez, que o Goberno galego, a través da Consellería do Medio Rural e do Mar, destinará unha achega de 46.675 euros para promover neste municipio obras de mellora de dotacións rurais. Segundo explicou o rexedor, o concello ten previsto destinar estes fondos a diversas actuacións nos núcleos de Mezonzo e de Vilariño.

Do Campo subliñou que esta axuda, realizada mediante o Plan de Mellora de Camiños que promove a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), ten como obxectivo fundamental “impulsar a modernización e reforma das vías interiores que serven para a comunicación das zonas rurais dos distintos concellos”. No conxunto da provincia, o investimento total para este tipo de actuacións será de 4,53 millóns de euros.

A delegada subliñou que na distribución dos orzamentos se tiveron en conta distintos criterios consensuados coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), como o número de habitantes, a superficie do municipio, o coeficiente de agrariedade, o despoboamento ou o envellecemento da poboación.

Así, a representante do Executivo autonómico na provincia explicou que os proxectos que se levarán a cabo con este programa “redundarán na mellora da seguridade viaria dos usuarios e facilitarán unha forma de transporte máis cómoda”. Do Campo valorou a importancia do plan, que servirá para “manter en bo estado de conservación os camiños e pistas rurais, que en moitos casos son o único acceso posible para numerosos núcleos de poboación”.

Con estas partidas, serán os propios entes locais os que poderán executar as obras que consideren oportunas, axustándose ao montante das respectivas subvencións, que serán dispostas en dúas achegas: ao longo deste ano e do 2014.

“Este plan resulta un valioso instrumento que a Xunta pon a disposición dos concellos para a conservación nas mellores condicións destas infraestruturas, que en boa parte posúen un carácter estratéxico”, indicou a delegada territorial.

Outros asuntos de interese para o municipio
A representante autonómica e o local aproveitaron a xuntanza para abordar outros asuntos de interese para o municipio. Neste senso, o primeiro edil trasladoulle a necesidade de acometer o arranxo das beirarrúas do treito antigo da AC-840, ao seu paso polo núcleo de Vilasantar.

Do Campo, pola súa banda, comprometeuse a estudar a proposta e a trasladala ao departamento autonómico correspondente para a súa atención no menor prazo de tempo posible. Ademais, a delegada expresoulle ao primeiro edil “todo o apoio, diálogo e cooperación da Xunta” con fin de obter a coordinación necesaria coa administración local para dar resposta ás demandas dos veciños e veciñas e mellorar a calidade de vida dos habitantes de Vilasantar.

11 de outubro de 2013 | 00:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.