publicidade hoxe

Un investimento de 100.000 euros permitirá a reactivación económica e cultural de Baños de Molgas e Santa Cruz de Arrabaldo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBaños de MolgasLocalOurenseProvincias
A-
A+

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, asinaron hoxe un convenio de colaboración a través do cal a Consellería achegará 100.000 euros para o proxecto museográfico que se está a desenvolver nas estacións de ferrocarril de Baños de Molgas e Santa Cruz de Arrabaldo.

Deste xeito o departamento dirixido por Xesús Vázquez reforza o seu compromiso co rural, ao contribuír con esta colaboración a impulsar a reactivación económica, social e cultural de ambas as zonas. Cómpre sinalar que o novo uso deste espazos favorecerá a oferta dun amplo abano de actividades culturais para o desfrute da cidadanía.

Ao acto de sinatura tamén asistiron a directora do Patrimonio Cultural, María Carmen Martínez Insua, e o xerente de Inorde, Jose Manuel Rodríguez.

Actuacións

Segundo o acordado, o investimento farase a través dunha colaboración co Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde) – dependente da Deputación de Ourense- que, pola súa parte, achegará a este fin 32.000 euros.

No que atinxe á estación de Baños de Molgas as obras consistirán no acondicionamento interior e exterior dunha carpa fixa, acristalada, equipada para a realización de múltiples eventos. A carpa permitirá contar cun espazo complementario para o desenvolvemento das actividades do Museo Moncho Borrajo, que na actualidade ten a súa sede na antiga estación de Baños de Molgas.

Na estación de Santa Cruz de Arrabaldo – ben inmoble incorporado ao Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia- levaranse a cabo as obras para o remate do centro de interpretación do Traxe Folclórico Galego e a creación do Centro de Interpretación do Liño, e crearase un espazo no Museo Estanislao Reverte para o centro de interpretación da historia do automóbil e do coche clásico.

12 de setembro de 2013 | 19:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.