publicidade hoxe

Promoción dos novos grupos galegos con seis concertos dentro da Rede de Música ao Vivo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCulleredoLocalLocal PortadaMelidePontevedraSantiago de CompostelaSilledaVilalba
A-
A+
Un dos grupos participantes

Un dos grupos participantes

As formacións gañadoras na edición 2013 do concurso Vas sacar nota! da emisora autonómica realizarán seis actuacións noutras tantas salas do circuíto que promoven a Agadic e Clubtura. FM, As Maianas, Tu mujer nos engaña e Irmandades do Falo ofrecerán os seus directos en Ferrol, Culleredo, Lugo, Melide, Santiago e Pontevedra.

>>>>>>>>>>

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Radio Galega estableceron un acordo de colaboración para a promoción dos novos grupos musicais galegos mediante o que os artistas premiados no concurso Vas sacar nota! realizarán concertos dentro do circuíto de salas que integran a Rede Galega de Música ao Vivo.

O certame promovido pola Radio Galega para recoñecer o labor e o talento dos grupos musicais que tentan facerse un oco no mercado profesional, premiou na súa última edición os traballos presentados por catro colectivos. Así, o grupo FM obtivo o Premio do Público, As Maianas alzouse co Premio do Xurado, Tu mujer nos engaña levou o Premio SMS; e o Premio Telefonazo foi para Irmandades do Falo.

Ademais da gravación dunha maqueta en estudio, os galardóns conlevan a programación específica dunha serie de concertos a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) nunha selección de espazos integrantes da Rede Galega de Música ao Vivo, o circuíto promovido pola Consellería en colaboración coa asociación Clubtura, que agrupa unha trintena de espazos galegos para atender de xeito específico as necesidades de difusión dos grupos e intérpretes musicais galegos e de espectáculos de pequeno formato.

O ciclo de concertos 2013 de Vas sacar nota! iniciarase o venres 20 de setembro coa actuación do trío de Silleda Tu mujer nos engaña no Pub Gatos de Melide, cita á que seguirá a do dúo acústico FM (Miguel Rivas, guitarra e voz e Fran Rodríguez, guitarras) na Sala Super8 de Ferrol o 3 de outubro. O 19 de outubro FM volverá a actuar no Forum Celticum de Culleredo, en tanto que as pandereteiras de Ames As Maianas o farán o 11 de outubro no Clavicémbalo de Lugo e o 24 de outubro no Ultramarinos de Santiago. O último dos concertos programados correrá a cargo dos vilalbeses Irmandades do Falo, que levarán o seu autodenominado Pop-Inchable (mestura de pop, rock, ska e música clásica) o 25 de outubro á Sala Karma de Pontevedra.

20 de setembro de 2013 | 01:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.