publicidade hoxe

Os centros educativos de Ribadeo percibiron 2.367.000 euros da administración autonómica

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLugoProvinciasRibadeo
A-
A+
O conselleiro na visita ao centro educativo

O conselleiro na visita ao centro educativo

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe o CIFP Porta da Auga, o IES de Ribadeo e o CEIP Gregorio Sanz, onde salientou a importancia do investimento do seu departamento nos centros educativos do Concello, que supera os 2.367.000 euros. Na súa visita o conselleiro tamén estivo acompañado pola delegada da Xunta na provincia de Lugo, Raquel Arias, e polo xefe territorial da Consellería na provincia, José Jesús Ramos Ledo.

Durante o seu percorrido polo CIFP Porta da Auga, onde o luns dará comezo o curso escolar para os máis de trescentos estudantes que realizan ciclos formativos e programas de cualificación profesional, o conselleiro salientou o investimento da Consellería neste centro, que ascendeu a máis de 276.000 euros, destinados a obras e ao impulso das actividades para o fomento da lectura que se realizan na súa biblioteca escolar. En concreto, o investimento en obras serviu para facer unha reforma e ampliación xeral do edificio, así como para a mellora da instalación eléctrica e da sala de caldeiras.

Cómpre lembrar que o CIFP, que percorreu acompañado pola súa directora María Beatriz Dobaño, conta cun viveiro de empresa a través do que a Consellería demostra a su firme aposta pola creación de emprego, axudando ás persoas a canalizar as súas ideas emprendedoras, facendo realidade os seus proxectos.

IES de Ribadeo

No caso do IES de Ribadeo, Xesús Vázquez salientou o investimento de máis de 1.868.000 euros realizado polo seu departamento para a mellora da biblioteca escolar e mais para a reforma, adaptación e mellora de espazos e elementos construtivos no colexio antes existente; así como para a ampliación por medio da construción dun novo edificio.

Así, realizáronse melloras no antigo edificio, redistribuíndo as distintas dependencias para adecualas mellor ás necesidades do centro. Ademais reformáronse as instalacións, tabiques acabados e carpinterías, para o benestar dos seus usuarios. No caso do novo módulo ampliado, a súa construción permitiu albergar seis aulas, dúas aulas de desdobre, catro laboratorios, seis departamentos de profesorado, un comedor coas súas correspondentes dependencias, aseos, almacenes e cuartos de limpeza. Ademais o novo anexo permitiu a ampliación do ximnasio do instituto, así como a instalación dun ascensor para a mellora da accesibilidade.

“Deste xeito demos resposta a unha demanda da comunidade educativa da Mariña lucense, axeitando ademais as instalacións do instituto ás necesidades actuais”, sinalou Vázquez Abad, que visitou o IES acompañado polo seu director, Alfonso Piñeiro.

CEIP Gregorio Sanz

Xesús Vázquez Abad percorreu ademais as instalacións do CEIP Gregorio Sanz, acompañado pola súa directora, Lourdes Marqués, un centro no que a Consellería ten investido 223.792 euros nos últimos anos.

Neste sentido cómpre sinalar que o centro desenvolve un contrato-programa na liña 1 de reforzo, orientación e apoio, na modalidade de apoio. Ademais, a súa biblioteca escolar recibe o apoio do departamento educativo da Xunta de Galicia para o impulso das actividades de fomento da lectura e de alfabetización informacional que nela se desenvolven. Asemade, no ano 2011 a Consellería dotou a este centro de dúas aulas dixitais e o incluíu dentro do PLAMBE.

Doutra banda, cómpre recordar que a Consellería de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria investiu nos últimos meses máis de 760.000 euros (762.291,49 euros) na realización de obras de reforma e ampliación orientadas a mellora das dotacións nos centros educativos de titularidade pública da provincia de Lugo que acollen a 6.678 estudantes na etapa de Educación Infantil e 13.314 en Educación Primaria.

 

13 de setembro de 2013 | 19:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.