‘Os Axóuxeres’ levarán historias, música e palabras a 24 concellos da Rede de Dinamización Lingüística durante este outono
Dirixido aos máis pequenos da casa, o obxectivo deste programa de dinamización lingüística é apoiar as familias na transmisión interxeracional do galego.

Estrea da nova edición do programa de dinamización lingüística ‘Os Axóuxeres’
Estreouse a nova edición do programa de dinamización lingüística ‘Os Axóuxeres’, dirixido á xente miúda da casa. O obxectivo desta iniciativa é apoiar as familias na transmisión interxeracional do galego, ao tempo que se contribúe a que as nenas e os nenos asocien desde as idades máis temperás a lingua galega con experiencias positivas, alegría e xogo.
Para iso, e da man de Caramuxo Teatro – compañía pioneira no teatro para bebés en Galicia- propón un espectáculo que xoga coa curiosidade infantil de saber que hai dentro das casas. Nel, os protagonistas, que viven nunha construción illada, van descubrindo pouco a pouco os fogares dos seus novos veciños. Hortensia, a florista, en cuxa residencia recende moi ben; Telmo, o equilibrista; Arabela, a cantante de ópera; o señor Antón, un vello mariñeiro… e Rita, a gata de Marcelina, que vén de visita á hora da merenda.
Esta é a sexta edición dos Axóuxeres, programa que crea un espazo de ocio en galego e que pon a disposición das familias materiais para continuar xogando e cantando na nosa lingua propia ao finalizar o espectáculo teatral e musical. As cancións poden descargarse de balde en www.xunta.es/linguagalega/os_axouxeres_2013.
‘Os Axóuxeres’ percorrerán 24 dos concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL), en concreto os de Ourense, Santa Comba, Arteixo, A Coruña, Ames, Burela, Viveiro, Ferrol, Xinzo de Limia, Verín, O Pereiro de Aguiar, Moaña, Redondela, Teo, Ribeira, Vilalba, Mos, O Porriño, Pontedeume, O Grove, Vilagarcía de Arousa, Silleda, A Estrada e Santiago de Compostela, poñendo a disposición – totalmente de balde- de arredor de 2.400 familias con bebés e cativos menores de 6 anos unha oferta de lecer na lingua propia de Galicia.
Ao acto inaugural asistiron o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e mais o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.
Reserva previa
O calendario completo de actuacións pode consultarse no web da Secretaría Xeral de Política Lingüística (www.xunta.es/linguagalega/calendario_os_axouxeres_2013). Para garantir a seguridade e a comodidade dos máis pequenos, a capacidade de cada espectáculo está limitada a 50 nenos con cadanseu acompañante adulto. As persoas interesadas en participar poderán inscribirse previamente, de luns a venres e en horario de 10.00h a 14.00 h, no teléfono 610 641 570. Admitiranse reservas desde unha semana antes de cada sesión.