publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O VI Plan Galego de Igualdade potencia o desenvolvemento profesional das mulleres rurais

Asistentes á inauguración da Xornada de Emprendedoras da Ribeira Baixa do Anllóns na Fundación Eduardo Pondal

Asistentes á inauguración da Xornada de Emprendedoras da Ribeira Baixa do Anllóns na Fundación Eduardo Pondal

A secretaria Xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou na inauguración da Xornada de Emprendedoras da Ribeira Baixa do Anllóns na Fundación Eduardo Pondal, na que destacou que dentro do VI Plan para a Igualdade realizaranse, entre outras accións, un estudo coa intención de analizar o potencial de diversificación da actividade económica no rural como oportunidade de negocio; apoio ao comercio electrónico e de novas formas de distribución ou levarase a cabo un aumento da capacitación das mulleres no uso avanzado das novas tecnoloxías.

A secretaria explicou que co obxectivo de potenciar a presenza da muller no eido empresarial, a Secretaría Xeral da Igualdade botou a andar o Programa Emega, que aposta pola conciliación da vida laboral, familiar e persoal. Así a liña ‘Emprende’ apoia a creación de empresas por parte de mulleres; o plan ‘Innova’ finanza iniciativas de proxectos empresariais; ‘Activa’ trata de reactivar e consolidar os proxectos que debido a crise sofren dificultades de mantemento e ‘Concilia’ promociona accións de conciliación nas empresas que teñan acceso a calquera das axudas anteriores.

Na mesma liña, a titular de Igualdade disertou tamén na súa intervención sobre o cambio de roles da muller nestes tempos, e que a incorporación da muller ao mercado de traballo e o emprendemento feminino supoñen un dos fenómenos máis recentes e de maior envergadura en Europa. A titular de Igualdade destacou que Galicia, de feito, está entre as cinco comunidades autónomas españolas con maior número de mulleres empresarias.

Ademais da secretaria xeral da Igualdade, tamén participaron na Xornada o presidente da Fundación Eduardo Pondal, José Luís Fondo Aguiar, e o director xeral de Traballo e Economía Social, Odilo Martiñá.

Na súa intervención, Martiñá destacou a importancia dos autónomos por constituír “un colectivo imprescindible para afrontar a saída da crise e iniciar a senda do crecemento”, así como “o motor que precisa a nosa sociedade para a dinamización económica e a xeración de emprego”.

O director xeral lembrou que en Galicia existen máis de 224.000 autónomos, o 24 por cento da afiliación á Seguridade Social, e constitúen unha prioridade para a Consellería de Traballo e Benestar, que ao longo dos últimos catro anos investiu máis de 122 millóns de euros no seu apoio.

O director xeral engadiu que o departamento quere tamén fixar un marco legal que se axuste á súa realidade, a través da Lei de fomento do empredemento de Galicia, que ten como finalidade primordial incentivar a creación e implantación de empresas en Galicia.

Durante a Xornada de Emprendedoras da Ribeira Baixa do Anllóns participarán mulleres emprendedoras que exercen o seu traballo en Ponteceso, Laxe e Cabana de Bergantiños e que compartirán as súas experiencias no eido laboral.

28 de setembro de 2013 | 23:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.