publicidade hoxe

O Ribeiro e a Terra Chá desfrutarán dunha fin de semana de música en diálogo co patrimonio cultural

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioCastro de ReiCelanovaLocalRibadavia
A-
A+

> O sábado 14 de setembro está prevista unha xornada de vendima e coñecemento da cultura vitivinícola no Ribeiro, que rematará cun concerto do guitarrista Marcos Teira, no Museo Etnolóxico de Ribadavia ás 20.00 h.

> O domingo 15 o festival trasládase ao Castro de Viladonga, onde terá lugar, ás 20.00 h, un concerto do grupo Odaiko, precedido dunha visita guiada ao castro e ao seu museo.

>>>>>>>>>>

Esta fin de semana o festival Espazos Sonoros 2013 da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria trasládase á comarca do Ribeiro, en Ourense, e á Terra Chá, en Lugo, para ofrecer dous concertos en diálogo co patrimonio cultural no que se enmarcan os seus escenarios: un do guitarrista Marcos Teira no Museo Etnolóxico de Ribadavia e outro do grupo de percusión Odaiko no Castro de Viladonga.

O sábado 14, a xornada estará dedicada ao coñecemento da cultura vitivinícola do Ribeiro e do barrio xudeu de Ribadavia. Está prevista a visita a unha adega pertencente á D.O. do Ribeiro, onde o público poderá participar activamente no proceso da vendima: a colleita da uva na viña e as primeiras operacións para a elaboración do viño, dende que esta chega á adega. Posteriormente, terá lugar un xantar organizado por xentileza da D.O. Ribeiro, nunha fermosa paraxe da comarca e, posteriormente, unha visita guiada ao barrio xudeu de Ribadavia.

A xornada rematará cun concerto do guitarrista Marcos Teira, que presentará, ás 20.00 horas, no patio do Museo Etnolóxico de Ribadavia, o seu novo disco, Flamenco Translations, no que adapta músicas de todo o mundo á linguaxe do flamenco. Cunha longa traxectoria como guitarrista, Marcos Teira colaborou con sólidas formacións e artistas coma Marful, Narf, Uxía, Rodrigo Romaní ou Budiño.

O domingo 15, no Castro de Viladonga terá lugar, ás 20.00 horas, un concerto do grupo de percusión Odaiko, unha formación integrada por catro percusionistas cunha fonda formación e traxectoria concertística, que se converteu, desde a súa presentación en Holanda en 2002, nun dos grupos galegos de percusión máis innovadores e con máis proxección internacional.

No seu programa de concerto, Odaiko presenta un repertorio variado no que as percusións contemporáneas, como marimbas ou vibráfono e percusións electrónicas coma o xylosynth, se fusionan con elementos da música tradicional galega, entre os que atopamos tamén apeiros de labranza, que foron empregados como instrumentos para marcar o ritmo das tarefas e alegrar os longos días de traballo no campo.

O concerto porá remate a unha tarde de visita guiada por un dos máis destacados vestixios arqueolóxicos da cultura castrexa, o Castro de Viladonga, e polas instalacións do seu museo.

Aberto o prazo de inscrición para vindeiras actividades

O festival Espazos Sonoros mantén aberto o prazo de inscrición para o obradoiro infantil ‘Contrúe o teu propio tubo de órgano’, que terá lugar o sábado 21 de setembro no mosteiro de San Rosendo de Celanova e tamén para a rolda paisaxística de Ourense do domingo 22.

Estas dúas actividades contan con un número de prazas limitadas, polo que para poder participar é precisa a inscrición previa a través do enderezo electrónico actividades@espazossonoros.org.

14 de setembro de 2013 | 11:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.