O poemario “Territorios Estraños”, de Ramón Sandoval Pérez, gaña o VI Premio de Poesía Victoriano Taibo
O xurado do VI Premio de Poesía Victoriano – Entidade Local de Morgadáns acordou declarar gañador da convocatoria deste ano o poemario Territorios Estraños, do que é autor Ramón Sandoval.
O premio, dotado con 3000 €, escultura conmemorativa da autoría de Fino Lorenzo e publicación do libro polo Instituto de Estudos Miñoranos na colección Victoriano Taibo, será entregado no transcurso dun acto cultural que se celebrará na Escola de Guillufe de Morgadáns, sede do Premio, no mes de novembro.
A obra
Na súa acta final, o xurado salienta a “enerxía e plasticidade do verso, a solidez na construción do poema, os acertos expresivos e o contido lirismo” de Territorios Estraños. A obra divídese en tres partes tituladas “Interferencias”, “De amores e ausencias” e “Principios de incerteza”. A primeira e a terceira tratan da dialéctica “entre o eu lírico e a realidade”, sinala o xurado, “a segunda, entre o eu lírico e o ti da paixón amorosa”.
O xurado estivo integrado polos escritores Gonzalo Navaza, Marta Dacosta, Araceli Gonda, Rexina Vega, Conchita Álvarez Lebredo e Miguel Anxo Mouriño, este último como secretario.
O gañador
Residente en Vigo, Ramón Sandoval Pérez (Sober – Lugo), é tamén o autor do poema Conta atrás, co que acadara o Certame Literario Manuel Oreste Rodríguez López (2013), e Cicatrices do Insomnio, obra premiada no I Concurso de Poesía Manuel Leira Pulpeiro (2012)
Dar os máis sinceros parabéns ao gañador, por acadar este galardón que goza xa dun innegable prestixio que transcende o ámbito de Galicia, e aos promotores, que fomentan de forma efectiva a creatividade poética nos máis altos niveis do sistema literario galego.