publicidade hoxe

O delegado territorial Cores Tourís comproba o comezo da vendima en Arbo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaArboLocalLocal PortadaPontevedraProvincias
A-
A+
Tourís na visita á Cooperativa Eidosela

Tourís na visita á Cooperativa Eidosela

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou nas últimas horas, en compaña do xefe territorial de Medio Rural, Miguel Dubois, a Cooperativa Eidosela, no concello de Arbo, co obxectivo de comprobar o avance da vendima nesta zona.

Na súa primeira visita, o delegado territorial puido comprobar as instalacións desta adega onde se elaboran as marcas de viño Edosela (100% Albariño), Eidosela Selección elaborado a partir de uvas que proceden dunha selección de viñedos e que pasa 4 meses en barrica, Arbastrum que é unha mestura de Albariño, Loureira & Treixadura, Eidosela Burbujas del Atlántico que é o primeiro viño espumoso de calidade amparado baixo a D.O. Rias Baixas que saíu ao mercado e que é froito dun proceso de traballo e investigación de 3 anos.

Segundo explicaron os responsables da cooperativa, na presente vendima espéranse recoller 500.000 quilos de uva para a elaboración de viño, á espera de que remate a tempada de recollida, que previsiblemente chegará ao seu fin arredor do 5 de outubro.

“O obxectivo destas visitas”, engadiu o delegado territorial, “é estar en contacto cos viticultores e adegueiros para coñecer o seu sentir nesta vendima que, se estima que alcanzará os 31 millóns de quilos de uva en toda a D.O.”.

Na actualidade, Eidosela conta con 61 socios e cunha superficie de terra de 57 hectáreas. A nivel de recursos humanos, esta cooperativa conta con 7 empregados durante todo o ano aos que se lle suman 10 persoas máis na época de vendima. Cores Tourís quixo destacar a importancia deste sector para a economía de Galicia e en concreto para a provincia de Pontevedra, así como o importante número de postos de traballo que xera, non só nas adegas e cooperativas, senón tamén polos distintos viticultores.

Eidosela conta cunha produción enfocada non só ao mercado nacional senón tamén internacional, con exportacións a Estados Unidos, Reino Unido, Países Baixos, Polonia, Australia, China, Xapón. “Destinamos o 26% da nosa produción a mercados internacionais porque cremos na diversificación como un factor esencial para obter un bo rendemento económico”, explicaba Lázaro Gándara, Presidente da Cooperativa.

Ademais de exportar parte da súa produción cara países do estranxeiro, tamén diversificaron o seu produto coa elaboración dun espumoso Eidosela Burbujas del Atlántico, que tivo unha grande aceptación no mercado, polo que este ano producirán o dobre de botellas que o ano pasado. “Temos que innovar, ademais somos unha cooperativa que contamos cun equipamento e cunha maquinaria excelente, nestes momentos estamos a instalar un depósito de 105.000 litros, o máis grande da D.O. Rías Baixas”.

Pola súa banda, Cores Tourís incidiu no apoio que a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Rural e do Mar, mostrou ás adegas e cooperativas desta D.O. en materia de industrialización, comercialización e exportación, ao que dedicou máis de 12 millóns de euros nestes últimos anos, “así como preto de 6 millóns de euros para case 1.000 viticultores da D.O. Rías Baixas que investiron nos seus viñedos”.

A Xunta tamén vén de comprometerse nas distintas reunións da Mesa do Viño, na que participou esta cooperativa, co apoio no financiamento para a compra da uva aos viticultores a partir de contratos homologados.

24 de setembro de 2013 | 18:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.