publicidade hoxe

Laxe perfila o programa de actividades de outono e inverno

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLaxeLocal
A-
A+

Despois de dar por rematada a programación cultural deste verán, a Concellería de Cultura e Benestar Social do Concello de Laxe estase a preparar para dar continuidade á súa programación de outono e inverno. Entre outros quefaceres, atópase organizando e pechando os últimos detalles de cara ao inicio dos novos cursos das Escolas Municipais de Teatro e Música que darán comezo nos vindeiros meses de outubro e novembro respectivamente.

No caso concreto da ESCOLA MUNICIPAL DE TEATRO, posto que as clases darán comezo na terceira semana de outubro, os prazos de inscrición para poder formar parte da mesma permanecerán abertos dende o luns 30 de setembro ata o martes 15 de outubro.

Un ano máis, a Escola de Teatro Municipal abre as súas portas a todas aquelas persoas que, con máis de 3 anos de idade, queiran formar parte da mesma, sen límite de idade, de cara a adquirir habilidades de expresión corporal e oral, realizar obradoiros de maquillaxe, son, iluminación, atrezo e producción, poñer en escena unha obra e facer representacións por toda Galicia así coma intercambios con outras comunidades.

Posto que as prazas serán limitadas, terán preferencia na admisión, aquelas persoas que primeiro realicen os trámites de matriculación, ben presencialmente nas oficinas do concello ou telemáticamente a través da páxina web e do correo electrónico de cultura: cultura@concellodelaxe.com.

Para formalizar a matrícula, cada persoa, ben sexa menor ou maior de idade, deberán cubrir un par de impresos: aquel denominado coma folla de inscrición e de adquisición de compromisos que, no caso dos menores de idade, incluirá autorización dalgunha persoa maior responsable,  e outro impreso de cesión de dereitos de imaxe.

4 de setembro de 2013 | 19:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.