En novembro adxudicaranse as obras da nova depuradora de Portomouro no Concello de Val do Dubra
As obra da estación depuradora de augas residuais de Portomouro, no concello de Val do Dubra, serán adxudicadas no mes de novembro e presentáronse un total de 22 ofertas que están sendo analizadas por Augas de Galicia.
A mellora no servizo de saneamento dotará os núcleos de Xermán, Portomouro e A Igrexa dunha nova rede separativa de augas residuais, que conectará coa existente e conducirá as augas á nova EDAR co obxectivo de evitar as verteduras directas aos ríos Dubra e Tambre.
Estas obras que executará a Xunta de Galicia, a través do ente público Augas de Galicia, encóntranse incluídas no Plan hidrolóxico de Galicia-Costa, e o seu orzamento total é de 999.146,83 euros. Este investimento conta con fondos FEDER cofinanciados con fondos propios da Xunta obtidos a través do canon da auga.
Na actualidade o núcleo de Portomouro dispón dun sistema separativo de saneamento entre ambas as marxes da rúa das Entrepontes que, á altura do cruzamento entre a estrada AC-404 e a DP-1914, recolle os caudais de pluviais e residuais nun mesmo pozo que desaugan ao río Dubra por terreo particular. Para emendalo colocaranse novos colectores de tubaxe de PVC nunha lonxitude de case 3 quilómetros que irán por ambas as marxes da rúa. Fóra da travesía irán polo exterior da plataforma da vía e no resto do trazado irán polo eixe da calzada. Ademais, incluiranse seis cámaras de descarga automáticas para limpeza dos colectores.
Ademais disto, será preciso a execución de dous bombeos na nova rede para recoller as augas residuais do colexio, que actualmente verten ao río Dubra, e as da rúa Rueiro da zona sur do núcleo de Portomouro.
Finalmente executarase unha EDAR nova no lugar de Besada para tratar este tipo de augas recibidas desde a nova rede e evitar futuras verteduras directas aos ríos Dubra e Tambre. Contará cun caudal medio de 163,81 m³/día e máximo 491,44 m³/día. A liña de tratamento constará de pretratamento, decantador-dixestor primario con depósito de flotantes e decantador-dixestor secundario con recirculación.
O alcalde de Val do Dubra solicitou ao ente público dependente da Consellería de Medio Ambiente o financiamento do 100% da obra, polo que esta colaboración técnica financeira entre ambas administracións responde á necesidade de establecer unha colaboración coas entidades locais que teñen un orzamento insuficiente para o desenvolvemento deste tipo de obras.