publicidade hoxe

A mellora do firme na estrada AC-421 entre Coristanco e Malpica finaliza esta semana

Belén do Campo na visita á área de actuación

Belén do Campo na visita á área de actuación

A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, visitou o Concello de Coristanco, onde deu conta dos traballos de mellora do firme da estrada AC-421, que une este municipio e o de Malpica de Bergantiños e que quedarán concluídos esta mesma semana.

Do Campo estivo acompañada polos alcaldes de Coristanco, Antonio Pensado, de Malpica de Bergantiños, Eduardo Parga, e de Ponteceso, José Luis Fondo, pois a estrada tamén discorre por parte deste termo municipal. Alí recordou que esta actuación enmárcase no programa de conservación de estradas previsto pola Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) para 2013 e executado a través da xefatura territorial de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

En total, actuouse sobre máis de 14 quilómetros de lonxitude desta vía entre os lugares de Agualada e Buño, onde se procedeu á realización de labores de afirmado nos treitos da calzada máis deteriorados, que consistiron na extensión de masas bituminosas en dúas capas nunha extensión de preto de 43.000 metros cadrados.

A finalidade desta actuación, que se está a completar estes días co pintado e coa reposición da sinalización horizontal e vertical, é o de incrementar as prestacións da estrada e así mellorar a súa adherencia e, por tanto, a seguridade viaria.

Neste treito, xa se levaran a cabo hai varios meses outras labores para mellorar a drenaxe, coa apertura dunha cuneta en terra e a construción dun tramo con beiravía e cuneta revestida. En total, a inversión destinada polo departamento autonómico a estes proxectos foi de 225.359 euros.

Segundo explicou a delegada territorial, o obxectivo de todas estas medidas é cumprir co Plan de Mobilidade e Ordenación Viaria Estratéxica, Plan MOVE. “Trátase de reducir os sinistros e facilitar os desprazamentos, coa finalidade de acadar un desenvolvemento económico e social que aporte unha maior calidade de vida aos veciños e veciñas do entorno”, concluíu.

26 de setembro de 2013 | 17:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.