publicidade hoxe

A Casa do Mel de Goente celebra cunha multitudinaria Festa Abelleira os seus dez anos de vida

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAs PontesLocal
A-
A+
Participantes nunha das actividades da celebración

Participantes nunha das actividades da celebración

A Casa do Mel de Goente celebrou onte os seus primeiros dez anos de vida e fíxoo coa primeira edición da Festa Abelleira, organizada polo colectivo Agaeume co respaldo do Concello de As Pontes; unha cita na que se deron cita multitude de veciños, socios e representantes da política local e do tecido asociativo pontés que acudiron, hoxe, a Goente para participar das diferentes actividades ideadas pola organización para celebrar tan importante data.

Pouco queda xa da antiga Casa do Médico de Goente e que, unha década despois, é todo un exemplo de esforzo por lograr a potenciación dun sector primario como é a apicultura e tamén de traballo divulgativo, incluso cos máis novos, aos que mediante actividades do máis diversas se busca achegar o que é o mundo das abellas.

O que arrincaba hai unha década coma un colectivo de medio cento de socios agora xa pode fachendear de contar con 120 apicultores procedentes de As Pontes, Lugo, Xermade, Ferrol, Monfero ou Ortigueira e que contarán, tal e como anunciaba a pasada semana o alcalde Valentín González Formoso, cun rexistro sanitario propio e unha marca lexítima como é a de Mel de Goente, baixo a que se comercializarán os seus produtos.

Precisamente, o primeiro edil non se podía perder este aniversario e acudía na compaña dos concelleiros de Medio Rural, Turismo, Seguridade, Xestión Orzamentaria, Servizos Sociais e Xuventude a esta festa na que tamén, tras varios meses de obras, se daba a coñecer o novo aspecto destas instalacións. Unha nova faciana que contou co respaldo económico do Concello de As Pontes e que deu lugar a que a Casa do Mel dispoña dun novo salón de actos máis espacioso, salas de extracción e envasado, unha entrada lateral e novo mobiliario tanto para a tenda apícola coma para o salón de actos.

E é que foi González Formoso o encargado de inagurar esta remodelada Casa do Mel na compaña tamén do ex alcalde Victor Guerreiro, xa que foi o goberno que dirixía o ex rexedor nacionalista o primeiro en apostar por este proxecto ao que agora se lle está a dar continuidade dende o goberno actual con inversións que redundan non só na mellora destas dependencias, senón tamén na súa labor en prol do desenvolvemento das zonas do rural e da divulgación entre os máis novos da importancia deste sector.

No seu discurso, Gonzalez Formoso quixo agradecer a colaboura e entrega de todos aqueles que respaldaron a posta en marcha da Casa do Mel, dende o seu presidente Manuel Ferreira, ata colectivos coma Euroeume ou exgobernos coma o que encabezou no seu día Víctor Guerreiro.

Pola súa banda, Manuel Ferreira aproveitaba esta cita para anunciar a súa continuidade á fronte destas instalacións durante dous anos máis, tralas peticións dos seus asociados, e agradeceu o importante respaldo da administración local, de asociacións coma Euroeume e daqueles que, xunto a el, anos atrás deron vida a este proxecto aos que tamén se rendía hoxe homenaxe cunha entrega de placas.

Asemade, esta primeira Festa Abelleira tamén contou con outro tipo de actividades do máis entretidas coma unha mostra de cestos de papel e bimbios realizada por membros da asociación veciñal Adiante de Igrexafeita e diferentes charlas adicadas ao mundo da apicultura.

Así a xornada abríase coa intervención da bióloga Eva María Pico que abordou a importacia da abella na polinización e que veu seguida da intervención do técnico Raúl Lobeiras, que disertou sobre a prevención de riscos na apicultura.

Tras dun saboroso descanso que se endulzou con requeixo e mel de Goente tocaba asistir á presentación de diferentes libros sobre a abella e do novo número da revista da Asociación Galega de Apicultura para dar paso á charla sobre os dez anos de actividades da Casa do Mel de Goente que impartiu, como non podía ser doutro xeito, Manuel Ferreira.

Non faltaron as visitas ás novas instalacións da Casa do Mel e tamén ao seu museo no que foi posible desfrutar de figuras e candeas de cera realizadas artesanalmente, dunha colmea real, dos pirogravados da artista Lourdes Acera ou das das imaxes que ilustran estes dez anos de vida.

Como fin de festa tocaba desfrutar dun saboroso xantar popular e no que se anotaron preto de 70 persoas que compartiron e celebraron, tal e como se merece, estes grandiosos dez anos do fomento da apicultura en As Pontes e na súa comarca.

1 de setembro de 2013 | 17:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.