publicidade hoxe

Verducido acollerá este xoves a proba Príncipe de Asturias de Piragüísmo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBoiroCalendarioDeportesDumbríaLocalNarónPontevedra
A-
A+
Unha proba de piragüísmo

Unha proba de piragüísmo

O Príncipe de Asturias de Piragüismo, unha competición que conta co apoio da Deputación de Pontevedra e a organización da Federación Galega de Piragüismo, volverá converterse nun punto de referencia. Cunhas probas espectaculares, nas que destacan o cambio de embarcacións en plena competición, Verducido acollerá máis de catrocentos deportistas. É unha cita imprescindible na axenda deportiva galega. O Príncipe de Asturias disputarase este xoves en Verducido entre as nove e media da mañá e as dúas da tarde.

“Será espectacular e digno de presenciar”, resume Alfredo Bea, presidente da Federación Galega de Piragüismo. Engade que “é moi importante presenciar este tipo de probas. Hai unha intensidade espectacular e ningún momento de relaxación. Que queira gañar ten que empregarse a fondo”.

Serán nove probas en total. Cada categoría terá que afrontar seis mil metros de alto nivel. O Príncipe de Asturias é unha competición na que gañar tamén outorga un gran prestixio.

Con varios equipos galegos como favoritos, a competición preséntase apaixonante por moitos motivos. Un deles será comprobar como se produce o cambio de embarcacións. É algo que se pode considerar como un dos aspectos máis importantes da proba.

Destinada ás categorías de cadete, xuvenil e sénior, tanto en mulleres coma en homes, o Príncipe de Asturias alcanza a súa edición número 36. e por segunda vez dispútase en Verducido. Alfredo Bea sinala que “é un orgullo poder contar cunha proba de tanto prestixio no lugar máis emblemático do piragüismo galego”.

O Príncipe de Asturias marcará o inicio dunhas intensas xornadas do piragüismo en Galicia. Tamén o xoves se disputa o Campionato Galego de Slálom en Dumbría, o mesmo escenario onde o domingo se disputará un torneo idéntico pero destinado ás categorías inferiores. O sábado tamén se disputará o Campionato Galego de crías e benxamíns en Narón e o domingo o Campionato Galego da categoría infantil na distancia de 3.000 metros. Será en Boiro.

14 de agosto de 2013 | 16:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.